O Concello de Ourense acondiciona o camiño da Verea Vella de Santomé

O orzamento desta obra é de 45.560,66 euros

Ourense | O Concello de Ourense inicia a semana vindeira, na Verea Vella (Santomé) as obras de reconstrución dun muro e o acondicionamento do camiño. O muro presenta na actualidade parte do seu alzado derruído, supondo un compromiso para a seguridade do camiño.

Existe un tramo do mesmo sostido por un muro de formigón, de irregular execución, duns 23 m. de lonxitude e de espesor e altura variables. O devandito muro de formigón carece de asento, presentado un estado estrutural de difícil avaliación xa que está executado sobre o primitivo muro de cachotería existente.

Pode supoñerse que a carencia de sistemas de drenaxe e impermeabilidade do muro ocasionou parte do derrubamento lindeiro no preexistente de cachotería, así como o deslavado da súa superficie de asento. É por iso que se acometerá a demolición do mesmo, debido a que á vista da súa situación pode estimarse a existencia dun perigo de derrubamento en caso de precipitación e empuxes horizontais na súa faciana exterior, motivados pola auga, fronte aos cales carece de capacidade resistente.

Amais da reconstrución do muro, acometerase a reparación da pavimentación do camiño, actualmente en formigón en masa, con tramos moi crebados e deteriorados, optando por unha solución duradeira e integrada mediante o uso de formigón coloreado, tentando a súa máxima integración ambiental á contorna no cal se empraza, a semellanza das tonalidades do lugar.