O Concello de Monforte planifica un futuro sen barreiras

Deu comezo ao Proxecto de Mellora da Accesibilidade

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, ven de anunciar que este 14 de xuño darán comezo as obras englobadas no Proxecto de Mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais de Monforte, que “significa a aposta decidida e continua do Concello de Monforte coas persoas con discapacidade, con dificultades de mobilidade ou de idade avanzada”.

“Somos conscientes, dende o Equipo de Goberno, das necesidades de todos estes colectivos e das carencias históricas dende fai anos que detectamos nalgunhas das nosas instalacións e dependencias municipais”

“Somos conscientes, dende o Equipo de Goberno, das necesidades de todos estes colectivos e das carencias históricas dende fai anos que detectamos nalgunhas das nosas instalacións e dependencias municipais, e que despois de 40 anos de democracia aínda non foran corrixidas.”, manifestou o rexedor monfortino.

A finais do pasado mes de maio, este proxecto foi adxudicado á empresa monfortina M. Casares, S.L., que ofertou un prezo de 241.250,38 euros. O prazo de execución das obras é de 6 meses, polo que é previsible que queden rematadas no presente ano 2021.

O proxecto recolle as melloras da accesibilidade dos principais edificios públicos de titularidade municipal de Monforte así como de diversos parques municipais da cidade do Cabe, concretando a definición das obras necesarias para corrixir as deficiencias destes edificios e parques, no que accesibilidade se refire.

O alcalde recordou que “o noso obxectivo é mellorar a accesibilidade universal nos equipamentos que son de titularidade municipal, para contribuír a unha maior calidade de vida de todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que visitan a cidade. Para elo, abordamos a supresión das barreiras e obstáculos que dificultan ou impiden o uso de edificios públicos e parque municipais, e especificamos as solucións e as obras que será necesario acometer en cada caso, segundo o proxecto”.

“Proxecto de mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais do Concello de Monforte’ parte dunha visión xeral da realidade e a situación actual da cidade”

Deste xeito, o “Proxecto de mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais do Concello de Monforte” parte dunha visión xeral da realidade e a situación actual da cidade, para dende aí, recoñecer a situación e importancia urbana de cada un dos edificios públicos e parques municipais que estruturan o núcleo urbano, e que veñen recollidos neste proxecto.

“En definitiva”, concluíu o alcalde, “a través deste importante proxecto de mellora proxectamos e planificamos un futuro sen barreiras na nosa cidade, no que adaptamos os edificios públicos e o medio urbano existentes para, en definitiva, eliminar as deficiencias de accesibilidade que aínda existan no noso Concello”.

“Estou seguro que, unha vez rematen as obras, Monforte de Lemos será un concello de referencia en materia de accesibilidade”, finalizou Tomé Roca.