O Concello avanza na reparación do Auditorio de Ponteareas

Para corrixir as filtracións de auga causadas polas obras de 2010

Ponteareas | O Concello de Ponteareas está a traballar na reparación do Auditorio Municipal, unhas instalacións que soportaron filtracións e graves danos a causa das obras de impermeabilización executadas incorrectamente en 2010 ata obrigar ao seu peche hai dous anos para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias.

Tras moitos meses de traballo técnico, o Concello vén de sacar a licitación a primeira fase do proxecto de integración do auditorio Reveriano Soutullo na malla urbana da vila, a través da que se acometerán as obras de impermeabilización e reparación de danos para a reapertura deste equipamento municipal.

“O auditorio vén arrastrando problemas de humidades dende case os seus inicios e xa no proxecto técnico de 2009 previo á reforma recollíanse problemas de estanqueidade, tanto nalgunhas zonas do seu perímetro como no patio de butacas principal. O noso obxectivo é recuperar unha instalación emblemática para a vila e devolver a vida ao seu escenario”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Xa coa autorización de Patrimonio para realizar as obras, esta primeira fase eliminará as principais causas das filtracións ao interior do auditorio e reparará paredes, falsos teitos e todas aquelas zonas que se atopen danadas como consecuencia da entrada de auga. Un informe técnico do ano 2021 recolle que as filtracións chegan ao interior do auditorio principalmente pola parte central da praza, nos arredores do parque infantil, e pola auga acumulada no sumidoiro perimetral, que entra a través dos ocos da fachada ás cámaras interiores dos muros e aos falsos teitos.

Cun investimento de máis de 185.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022, os traballos consistirán na remodelación dos lucernarios cun novo sistema acristalado estanco; no saneamento da zona do parque infantil e do perímetro da praza; no arranxo das filtracións que entran a través das fiestras, sen sistema para escorrer a auga; e na reparación dos paramentos interiores e dos teitos e falsos teitos.

Deste xeito porase fin a uns problemas que, segundo un informe elaborado polos servizos técnicos municipais en xaneiro do ano 2021, xa tiña o edificio dende a súa construción e que reapareceron pouco despois da reforma do 2010, realizada tras un convenio entre o goberno municipal presidido por González Solla (PP) e a Deputación dirixida por Rafael Louzán (PP). Este informe técnico tamén revela que a cuberta do auditorio conta cunha “deficiente impermeabilización por unha incorrecta solución construtiva ou mala execución”.

Este documento recolle que, en agosto de 2020, ao realizar un arranxo puntual no falso teito de madeira situado na sala principal de butacas, saíron á luz problemas importantes como as filtracións ou o caruncho, polo que se realizaron unha serie de catas que desvelaron que todo o falso teito estaba afectado e que o forxado da cuberta estaba anegado a pesar da falta de choivas, xa que a auga filtraba polo pavimento da praza ocasionando humidades e eflorescencias nas propias viguetas e bovedillas. A pesar dos constantes arranxos, os excesos de auga provocaron varios desprendementos que causaron danos materiais.

Por outra banda, as catas realizadas no pavimento da praza situada sobre o auditorio permitiron comprobar que as obras executadas no seu día non se axustan ao que se recollía no proxecto de reforma e que a auga se filtra cara ao interior do edificio. O Goberno local salienta que “ as obras feitas hai dez anos tiñan como principal finalidade eliminar as humidades, filtracións e pingueiras que sufría o auditorio como consecuencia das obras do parque infantil executadas uns anos antes, pero en lugar de solucionar os problemas empeorounos ata deixar o auditorio inutilizado”. As empresas ou persoas interesadas optar á realización destas obras poderán presentar a súa proposta ata o vindeiro 8 de setembro a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo de execución é de cinco meses.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos