O comercio local de Redondela celebrará a Feira de Oportunidades

Na Alameda o 1 e 2 de outubro

Redondela | A Asociación de Empresarios de Redondela, en colaboración co Concello de Redondela, realizará o vindeiro 1 e 2 de outubro a Feira de Oportunidades coa intención de reinventar este formato tradicional para reimpulsar o comercio local despois de dous anos de pandemia e recuperar así mesmo o escenario da Alameda de Redondela.

O recinto feiral permitirá acoller a 30 establecementos expositores que se darán cita o sábado 1 e domingo 2 de outubro. Moda, calzado e complementos supoñen o 70% da oferta nesta feira na que tamén poderemos atopar alimentación, vehículos, agro, xardín, decoración e beleza de benestar.

A recuperación de actividades e zonas de ocio infantil será outro dos atractivos deste evento que combinará compras, diversión e premios en Redondela.

Os premios
A gran sorpresa está reservada á xornada dominical na que se sortearán 1.000€, en tarxeta de compra de 30€ e 50€ da man da Campaña COMPRAR NO TEU COMERCIO TEN PREMIOS que se realiza en colaboración coa Federación Galega de Comercio. Durante a mañá do domingo instalarase unha carpa na que a clientela poderá trocar todos os tickets de compras superiores a 10€ realizadas durante a semana do 26 de setembro ao 1 de outubro por participacións para o sorteo que terá lugar esa mesma mañá sobre as 13:30h.

O Concello de Redondela colabora neste evento cun importante despregamento de medios humanos para dotar ao recinto de servizos como iluminación, limpeza, coordinación do tráfico e as actuación musicais que terán lugar no espazo feiral. Ademais, o Concello de Redondela, para mellorar e facilitar a accesibilidade a Redondela está a procurar habilitar zonas de aparcamento especial na zona de Vilavella que potenciarán o paseo por toda a vila ata o recito feiral e o canxe de tickets de compra por horas de parking gratuíto.

O canxe dos tickets de compra por parking poderá realizarse no stand informativo do recinto feiral. Esta promoción permitirá á clientela aparcar gratis mentres realiza as súas compras na feira e estará activa ata esgotar as existencias da promoción especial que se realizará con motivo da celebración da Feira de Oportunidades.