O Colexio de Xornalistas presentou as súas achegas para a nova Lei de Medios Públicos

Dentro do proceso de consulta pública iniciado pola Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela | A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de presentar as súas achegas, a través do Portal de Transparencia da Xunta de Galicia, á consulta pública aberta pola Secretaría Xeral de Medios para a realización dunha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.

O Colexio de Xornalistas, como entidade que ostenta legalmente a representación dos e das xornalistas galegas, apunta no documento presentado que, en consonancia co recentemente aprobado Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, a redacción dunha nova normativa “non debe supoñer ningún retroceso nos avances conseguidos nestas décadas” e indica algúns aspectos que debería recoller o texto.

En concreto, os puntos que o Colexio de Xornalistas considera esenciais para a nova lei son o reforzamento do carácter público da CRTVG; a garantía de que a Corporación contará coa estrutura, dimensión e recursos orzamentarios e humanos necesarios para cumprir coas súas funcións; a salvagarda do cumprimento da función de servizo público; a promoción activa da igualdade entre mulleres e homes; o establecemento de procedementos e mecanismos para garantir a independencia editorial; a creación dun estatuto profesional e do Consello de Informativos; a posta en marcha de órganos de control externo como o Consello Superior do Audiovisual de Galicia; a implantación de medidas para garantir a estabilidade do cadro de persoal e o recoñecemento do motor que os medios públicos representan para a produción e innovación do sector audiovisual galego.

O Colexio de Xornalistas, como corporación de dereito público que representa á profesión na nosa comunidade, ten prestado ao longo de toda a súa historia unha especial atención á situación da radio e a televisión públicas de Galicia.

Así, apoiou desde o seu nacemento de iniciativas lexislativas para garantir a independencia e pluralidade da CRTVG e xa en 2005 elaborou unhas Propostas do CPXG para un novo modelo dos medios públicos galegos, ademais de participar no debate parlamentario para a redacción da actual Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

Podes consultar o documento de achegas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia aquí.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.