O club de lectura “Lendo Contigo” dedica a sesión de febreiro a Carlso Casares

A actividade está organizada pola asociación Espazo Lectura

O club de lectura Lendo Contigo celebra o sábado 25 a sesión do mes de febreiro, que estará dedicada ao clásico infantil A galiña azul (Galaxia, 1968) de Carlos Casares, un autor que está moi presente en Gondomar (no paseo que leva o seu nome, na escultura dedicada á galiña deste conto situada no parque da Coelleira…).
A sesión comezará ás 12:00 horas na biblioteca de Gondomar e será un chisco diferente, chea de sorpresas relacionadas co autor e o conto de lectura.

O libro
Publicado por primeira vez en 1968, en A galiña azul o narrador vai recordando para unha nena amiga, Ana, algúns episodios vividos por ela na infancia, entre os que destacan as historias de Leoncio, o inventor da bomba da Felicidade e do “papaio”, unha lingua para falar cos paxaros. Claro que o personaxe central é a Galiña Azul, á cal quere matar Manolito Listón porque, segundo di, unha galiña que en vez de dicir cacaracá di cocorocó e que ten cinco plumas encarnadas na á dereita, “non é unha galiña como é debido”.

O autor
Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.

Outros artigos