O CISPAC celebrará xornadas internacionais sobre as paisaxes atlánticas e a resiliencia ambiental

Do 19 ao 21 de outubro

Santiago de Compostela | O Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) celebrará unhas xornadas centradas nas paisaxes atlánticas resilientes en transición ambiental.

O centro, ao que se incorporaron no mes de xuño máis de 80 investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, protagonizará este espazo de encontro no Edificio Fontán, na Cidade da Cultura, entre os días de 19 e 21 de outubro. O evento desenvolverase en cinco sesións que combinarán conferencias maxistrais con mesas redondas de diálogo.

O CISPAC pretende ser referente no panorama internacional das humanidades e das ciencias sociais, abordando un estudo transdisciplinar a través de cinco campos de traballo: paisaxes que teñen xente, paisaxes que producen, paisaxes gobernadas, paisaxes que teñen patrimonio e paisaxes visitadas.

Nas xornadas tratarse asuntos relacionados coa demografía, a transición ambiental, o patrimonio atlántico ou a globalización. Estarán compostas por persoal investigador de universidades internacionais, como a intervención de Saskia Sassen, socióloga da Columbia University e premiada co Príncipe de Asturias no ano 2013. Haberá tamén representación do Instituto Universitario di Firenze, da Universitat de Barcelona ou da Universidade de Lisboa, entre outras. O evento permanecerá aberto ao público baixo inscrición previa.