O centro de saúde de Covelo achégase á cidadanía

Encontro coa veciñanza do servizo de enfermería

O Covelo | O Centro de Saúde de Covelo busca a implicación da veciñanza para mellorar o seu día a día. Por iniciativa do servizo de enfermería do centro de saúde a cidadanía foi convocada a un encontro no que falar de cuestións de saúde e bos hábitos.

No salón de plenos da Casa do Concello o enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, Daniel Domínguez Alonso, manifestou ás persoas presentes a súa intención de traballar da man dos e das pacientes do centro de saúde local para poder ofrecerlles consellos, pautas e solucións a boa parte dos seus problemas.

Domínguez avanzou coa cidadanía na posibilidade de deseñar obradoiros e sesións relacionados coa saúde e abrir unha canle dixital de información para difundir toda a información que se xenera e así achegarse e dar servizo a un maior número de persoas. No encontro tamén falaron de hábitos alimenticios, de exercizos para mellorar a musculatura e as articulacións, de vacinas, de doenzas e de como atenuar síntomas e, sobre todo, de como achegar o centro de saúde aos seus usuarios e usuarias.

Coa intención de establecer unha relación de proximidade e de coñecer ben á comunidade o enfermeiro Daniel Domínguez interesouse por estas e outras moitas cuestións e así tamén poder estar preparados para atender todo tipo de demandas e ofrecer o asesoramento pertinente, dentro das súas competencias, sen que teñan que desprazarse a outras localidades e centros sanitarios.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos