O canicense Diego de Giráldez leva a Ávila o seu “realismo NAS”

Cunha nova exposición no Episcopio de Ávila

A Caniza | O pasado luns inaugurouse no Episcopio de Ávila a exposición “La esencia del pensamiento. Realismo NAS” do artista canicense Diego de Giráldez, unha mostra organizada polo Concello de Ávila que poderá visitarse do 18 ao 31 de maio de 2026. O acto inaugural estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Concello de Ávila, Ángel Sánchez, e contou coa presenza do Alcalde da Caniza, Luis Piña, e da Tenente de Alcalde Paula Bacelar, que acompañaron ao artista canicense nesta importante cita cultural.

A exposición, organizada no emblemático espazo cultural do Episcopio, situado xunto á Catedral de Ávila e escenario habitual das exposicións de Diego de Giráldez desde hai anos, reúne unha selección de pinturas, láminas de gran formato e esculturas nas que o artista desenvolve a súa particular visión artística a través do realismo, cunha marcada sensibilidade creativa e un profundo estudo da anatomía e da expresión humana.

Entre as pezas expostas figura tamén a escultura dun galo, un dos elementos recorrentes na produción artística do autor. A mostra realiza ademais un percorrido por distintas etapas da súa traxectoria e pola evolución do denominado Realismo NAS, movemento artístico do que Diego de Giráldez é fundador e máximo representante. Entre as esculturas presentes na exposición destaca tamén unha man de grandes dimensións, unha peza que conecta directamente coa escultura “La humanidad y el trabajo” situada no Parque Heriberto Fuertes da Caniza. En ambas creacións, Diego de Giráldez emprega a man como símbolo da capacidade creadora, do esforzo humano e da identidade do traballo, converténdoa nun dos elementos máis representativos da súa linguaxe artística.

Diego de Giráldez está considerado un dos artistas máis destacados vinculados á Caniza, cunha ampla traxectoria como pintor, escultor e anatomista de recoñecido prestixio nacional e internacional. Ademais, é Hijo Predilecto da Caniza, distinción concedida polo Concello en recoñecemento á súa contribución artística e á promoción do nome do municipio fóra de Galicia. Tras a inauguración da mostra, un grupo folclórico pontevedrés percorreu as antigas rúas abulenses ata a Casa Consistorial interpretando diferentes pezas da música tradicional galega, nun acto que contribuíu a achegar tamén a cultura popular de Galicia ao público asistente.

O Alcalde Luis Piña quixo tamén expresar o seu agradecemento ao Concello de Ávila e ás institucións culturais abulenses por acoller unha vez máis ao noso pintor, escultor e anatomista máis internacional nunha cidade chea de historia e patrimonio, coa que Diego de Giráldez mantén unha especial vinculación persoal e artística desde hai máis de tres décadas. Como sinala o propio artista, “Ávila es la joya de España, en cuya arquitectura y belleza extraordinaria me he empapado durante años, de muralla hacia dentro, pero también recorriendo todos los municipios de la provincia, donde me han acogido con gran cariño desde hace 36 años”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.