Ponteareas | O Concello dá resposta a unha demanda histórica ao dotar dun campo de céspede sintético ao Sporting Club San Mateo, referente no deporte feminino. Na actuación, colabora a Real Federación Galega de Fútbol achegando o proxecto e esta mañá tivo lugar a firma do convenio no que participaron a alcaldesa, Nava Castro, o tenente da alcaldesa, Juan Carlos González e o edil de Deportes, Luís Rodríguez así como Rafael Louzán e Fernando Iglesias, presidente e vicepresidente da RFGF respectivamente, xunto co presidente do Club, Juan Castro.
Con esta firma de convenio, no que a Real Federación Galega de Fútbol encárgase do proxecto para construír o campo de céspede artificial búscase que as xogadoras conten cunhas instalacións modernas e eficientes á hora de desempeñar a súa actividade.
Deste xeito, o Concello pon en valor a historia do club e o seu traballo a prol do deporte feminino ao conseguir a colaboración da Real Federación Galega de Fútbol e segundo indicou o edil de Deportes, Luís Rodríguez, “este acordo é froito da xestión que realizamos desde a concellería e permitirá que as xogadoras conten cunhas mellores condicións” e apuntou que “ a administración local ten que achegar solucións ás necesidades dos clubs polo que tiñamos claro que unha das primeiras medidas era traballar arreo para acadar estes acordos”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Juan Carlos González, apuntou que “era o momento de recoñecer os máis de 30 anos de historia deste club con feitos e non con promesas” e puxo en valor o traballo realizado posto que “no primeiro ano de goberno amosamos o noso compromiso co deporte da vila, co noso deporte”.
Finalmente, a alcaldesa, Nava Castro, indicou que “o Sporting Club San Mateo leva o nome da vila ao longo da comunidade e, como non podía ser doutro xeito, a administración local sitúase ao seu carón para dotalo dunhas instalacións máis modernas e eficientes”.
Ademais, apuntou que “trátase dunha entidade que fomenta o deporte desde diferentes idades, coas súas diferentes categorías, polo que realizan un importe labor no conxunto da vila”.