O campo de fútbol de Covelo será o Amable Ramón Martínez Vidal “Moncho”

A Corporación Municipal acordou por unanimidade ese nomeamento

O Covelo | A Corporación Municipal do Concello de Covelo acordou por unanimidade cambiar o nome do campo de fútbol que dende este último pleno xa leva o nome de Amable Ramón Martínez Vidal “Moncho”.

A súa paixón polo fútbol, a súa dedicación, tenacidade e desempeño en tódalas tarefas dende os anos 80 do pasado século ata os nosos días foron recoñecidas e suficientes para que a proposta do grupo de goberno de Covelo contara co voto a favor de todos os concelleiros e concelleiras.

“Sempre disposto para que todo funcione correctamente e do coidado das instalacións para que todo estea en orde antes de cada adestramento ou partido. Moncho demostrou, sobradamente, unha dedicación incondicional e entrega tempada tras tempada. Por iso agora, en recoñecemento a súa destacada labor no ámbito social e deportivo e pola súa longa traxectoria na dirección, organización e funcionamento do Club de Fútbol Covelo o noso campo levará o seu nome”, salienta o alcalde, Pablo Castillo.

Moncho fundou o primeiro equipo federado no 1986 e, dende entón, ocupou todos os cargos e asumíu todas as responsabilidades posibles: presidente, delegado, utilleiro, adestrador e encargado de lavandería así como cada un dos traballos que eran precisos para que o Club de fútbol Covelo seguira vivo.

Son moitas as xeracións de mozos que subiron no coche de Moncho, tamén coñecido como “Lato”, para desprazarse aos partidos. Naquel “lato móbil” fixeron quilómetros cargados de ilusión nos que nunca faltou a conversa arredor de fundar unha escola de fútbol chea de rapazada. Precisamente nesas categorías inferiores, de cadetes e xuvenís, era onde Lato puña máis empeño e compromiso facendo, ás veces, de titor e coidador.

Tamén é recoñecido polos distintos equipos de veteranos que ao longo dos anos empregaron como terreo de xogo local o campo de fútbol municipal de Covelo xa que con eles tamén colaborou e colabora nas labores de organización de material e correcto funcionamento das instalacións.

Os fitos máis importantes da historia do campo de fútbol de Covelo levan o nome de Moncho que sempre estivo pendente na procura de melloras. Estivo presente nas primeiras obras de construción do actual campo realizadas no ano 1984 e dende aí actuou como o grande protector non deixando que o tempo pasara por el.

Con el sempre presente realizouse a primeira ampliación do terreo de xogo nos anos 90; a construción dos aseos para o público no ano 2001; a mellora dos vestiarios, grada e cantina no ano 2010; a instalación do céspede artificial, novos vestiarios e iluminación no ano 2014 e o acondicionamento de cantina en sala de oficinas no 2022.

Por todos estes motivos no ano 2019 o Concello de Covelo entregou a Amable Ramón Martínez Vidal o premio “Síntete Covelo” que recoñece ás persoas que difunden e traballan pola posta en valor de Covelo e das súas xentes. Recoñecemento que ese mesmo ano tamén foi outorgado ao bailarín e director de ArteAldea, Luis Alberto García Tejedor (Gigi).

Pechada a inscrición para o Roteiro da Forca do Lobo
O Concello de Covelo informa que xa está pechada a inscrición para o roteiro deste domingo día 28 que percorre 12 quilómetros pola Forca do Lobo. Ás vintecatro horas de publicalo na rede social Facebook xa estaba completo o número de inscricións dispoñibles.

Dende o grupo de goberno manifestan o seu agradecemento a todas as persoas que se interesaron “porque son un bo indicador de que estamos ofertando actividades axeitadas e do gusto das persoas que valoran o patrimonio etnográfico, histórico e natural”.

O alcalde, Pablo Castillo, engade que seguirán traballando nesta liña e amosa a súa satisfacción ao comprobar que a riqueza paisaxística e medio ambiental destas terras esperta curiosidade e boas valoracións sendo cada vez máis grande o número de persoas que visitan Covelo na procura de experiencias en contacto coa natureza.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, competencia que comparte co alcalde, sinala que na tempada alta de verán houbo unha ocupación moi alta nas casas de turismo rural, albergue, hotel, pensións, vivendas turísticas, rectorais e quintas. Salienta, tamén, que na enquisa realizada entre os aloxamentos reflectíase que unha boa parte da clientela chegaba atraída pola natureza, pola tranquilidade e polo turismo do benestar.

Lourdes Enes engade que o gusto polo rural non só se nota nas tempadas vacacionais, tamén na demanda de vivenda de aluguer e en propiedade para residir de xeito estable.

“Cada vez son máis as familias que nos preguntan por vivendas para vivir, familias que procuran un entorno saudable para criar aos seus fillos, persoas que teletraballan ou que procuran un lugar con servizos pero afastada do ruído”.

O Concello de Covelo oferta unha programación de actividades de posta en valor da natureza ao longo do ano, guiadas e totalmente de balde.