O C.F. Caniza completa unha tempada de éxitos

O equipo mixto infantil proclamouse campión da Liga da 2º fase da 3º Futgal

A Caniza | O Concello da Caniza felicita ao equipo mixto de fútbol 11 infantil do C.F. Caniza tras proclamarse campión de liga da 2ª Fase da 3ª Futgal na categoría infantil, nun acto conmemorativo celebrado este domingo no Campo Municipal de Augas Férreas. O Alcalde Luis Piña, asistiu ao acto acompañado pola Tenente de Alcalde, María José Rodríguez, e polo Concelleiro Felipe Piña, nunha xornada de recoñecemento ao traballo realizado polos nenos e nenas do club ao longo de toda a tempada.

Na entrega oficial da copa estiveron presentes a presidenta do C.F. Caniza, Mónica Almuiña, así como o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, quen, por deferencia institucional, cedeu a entrega do trofeo á propia presidenta do club e ao Alcalde.

O equipo, integrado por 22 nenos e nenas, conta cun corpo técnico formado por dúas xogadoras do equipo sénior feminino do C.F. Caniza. A delegada do conxunto tamén pertence ao equipo feminino sénior, poñendo de manifesto a implicación e o compromiso do fútbol feminino coa formación da canteira.

Durante o acto, o Alcalde felicitou aos xogadores e xogadoras, corpo técnico, familias e directiva polo esforzo, constancia e compromiso demostrados durante toda a competición, destacando “o orgullo que supón para a Caniza contar cunha canteira que representa os valores do deporte base e do traballo en equipo”.

Luis Piña puxo tamén en valor “o esforzo diario dos nenos e nenas que adestran e compiten cada semana con ilusión e compañeirismo”, así como “o apoio fundamental das familias, que acompañan aos rapaces e rapazas durante toda a tempada e fan posible que o deporte base continúe medrando no municipio”. Destacou ademais o importante labor que realiza o C.F. Caniza na formación deportiva e persoal da mocidade, promovendo valores como o respecto, a convivencia, o compromiso e a vida saudable.

O Concello da Caniza trasladou os seus parabéns ao equipo campión, ao club e ás familias, reiterando o seu compromiso co deporte local e co apoio ás entidades deportivas do municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.