
Ourense | O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo de relevo en Ourense a aposta da Xunta por facilitar a continuidade de negocios rendibles, garantir a remuda xeracional e impulsar o emprendemento ligado ao territorio. Fíxoo no marco dunha visita realizada á Librería Jemaca, beneficiaria do Bono Remuda que permitiu á súa actual propietaria coller a testemuña do negocio e iniciar unha nova etapa. Alí o conselleiro —que estivo acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias— tamén lembrou que está aberto ata o 30 de setembro o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria deste ano destes apoios.
Trátase dunha liña de achegas, afondou, incluída na orde única de axudas ás persoas traballadoras autónomas que, con esta, abarca un total de cinco liñas e que está dotada con 40,7 M€. En concreto, o Bono Remuda conta cun orzamento de 1,5 M€, que supón unha suba dun 20% en relación coa convocatoria anterior.
Con él a Xunta ofrece apoios tanto a quen asume a remuda como a quen traspasa o negocio por xubilación. Ademais, estrutúrase en dúas liñas, o Bono remuda rural —para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis—.
Rede de polos de emprendemento
Este apoio compleméntase co que brinda a Rede de polos de emprendemento da Xunta. De feito, José González explicou que a Librería Jemaca é un dos proxectos asesorados nesta rede, en concreto no Polo do Carballiño, que tamén acompañou á propietaria do negocio durante o proceso de remuda. Nesta liña, para facilitar este proceso, as 15 oficinas da rede de polos distribuídas por toda Galicia dispoñen dun escaparate para dar visibilidade a negocios en busca de traspaso.
Neste contexto, sinalou que o Goberno galego traballa directamente co sector para ter un rexistro o máis actualizado posible de negocios en situación de remuda co fin de axilizar os procesos e favorecer os intereses tanto dos titulares dos negocios que traspasan como de quen asume a remuda. Deste xeito, o Executivo autonómico busca garantir a remuda xeracional das persoas autónomas e do comercio e reforzar ao mesmo tempo o seu papel no emprendemento ligado ao territorio, un aspecto que tamén promove o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.




