O Boletín Avriense chega ao número 55

O Grupo Marcelo Macías homenaxeou a Juan Carlos Rivas

Ourense | O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, participou no Liceo de Ourense no homenaxe ao investigador, divulgador e defensor do patrimonio, Juan Carlos Rivas Fernández-Xesta. No acto, que tamén desenvolvía a presentación do volume 55 do Boletín Avriense, Manuel Pardo lembrou o traballo do Grupo Marcelo Macías, ao que pertencía o homenaxeado, como “unha das máis nobres expresións do compromiso intelectual e afectivo coa memoria de Galicia”.

“Nesa tradición de amor á cultura e de fidelidade á memoria histórica inscríbese a figura de Juan Carlos Rivas Fernández-Xesta, -salientou Manuel Pardo- estreitamente vinculado ao espírito e á herdanza intelectual do Grupo Marcelo Macías”. O seu labor como investigador, divulgador e defensor do patrimonio constitúe unha prolongación contemporánea daquela escola de pensamento que entendeu Galicia como unha realidade cultural viva, digna de estudo rigoroso e de permanente protección.

Como os grandes membros do grupo, que contou con figuras esenciais da intelectualidade galega, como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Xesús Ferro Couselo ou Xaquín Lorenzo, atopou neste grupo un ámbito fecundo para dignificar a arqueoloxía, a etnografía, a historia e a arte de Galicia.

Ademais, entendeu que os museos non son depósitos inertes de obxectos antigos, senón lugares de diálogo entre o tempo e a sociedade. Por iso, -segundo o delegado territorial- “impulsou investigacións, publicacións e estudos que fixeron do Boletín Avriense unha referencia indispensable para o coñecemento da nosa cultura. Cada páxina publicada foi un acto de amor ao saber e unha apaixonada defensa da herdanza común”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.