
Ourense | O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense defenderá no vindeiro pleno unha moción para reclamar un novo marco administrativo e legal que permita actuar con maior eficacia sobre parcelas e construcións abandonadas, reforzando a prevención dos incendios forestais, protexendo os núcleos rurais e favorecendo a recuperación de vivenda nos concellos afectados polo despoboamento. A iniciativa foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa polo portavoz provincial do BNG, Bernardo Varela, xunto aos deputados provinciais do BNG, María Mangana e Xosé Manuel Puga.
A proposta nacionalista reclama que a Deputación asuma a tramitación sancionadora, mediante convenios cos concellos, dos expedientes derivados do incumprimento das obrigas de conservación, limpeza de biomasa e rehabilitación de parcelas e inmobles. Ao mesmo tempo, insta á Xunta de Galicia a aplicar de maneira efectiva os instrumentos previstos na Lei de Recuperación da Terra Agraria e na Lei de medidas fiscais e administrativas para investigar a titularidade de propiedades abandonadas e incorporalas, cando proceda, ao patrimonio público. A moción tamén demanda un programa específico de recuperación de inmobles abandonados nos concellos de menos de 20.000 habitantes para destinalos ao parque público de vivenda e reclama ao Estado, a través da dirección Xeral de Catastro (mentres este procedemento non sexa transferido a Galicia), a apertura un proceso extraordinario de identificación dos propietarios das parcelas sen titular coñecido para rematar coa situación de abandono que padecen milleiros de bens en Galicia.
Durante a presentación, Varela defendeu que “a prevención e a defensa contra os incendios non poden concibirse como políticas desvinculadas da xestión forestal, do desenvolvemento rural e da ordenación do territorio”, advertindo de que é necesario dotar ás administracións de ferramentas eficaces para actuar sobre propiedades abandonadas que supoñen un risco para a seguridade das persoas e dos núcleos de poboación. O portavoz nacionalista lembrou que a vaga de lumes do verán de 2025 puxo de manifesto as graves carencias do actual modelo de prevención e xestión do territorio. Segundo recolle a iniciativa, máis alá das condicións meteorolóxicas adversas, os incendios evidenciaron as consecuencias acumuladas de décadas de abandono territorial, perda de actividade agraria e forestal e ausencia de medidas estruturais de ordenación do territorio. A esta realidade súmase a proliferación de parcelas e construcións abandonadas nos núcleos rurais, cun incremento do risco para as persoas e os seus bens.
Desde o BNG denuncian que os concellos carecen de instrumentos efectivos para actuar cando os propietarios son descoñecidos, están ilocalizables ou existen múltiples herdeiros que non asumen ningunha responsabilidade sobre os bens. Esta situación provoca que cada ano se repitan os mesmos expedientes administrativos sen resultados prácticos, consumindo recursos municipais e impedindo resolver un problema que se agrava progresivamente.
Neste sentido, Bernardo Varela sinalou que “non é eficiente, posible nin lóxico que ano tras ano se abran expedientes a teóricos propietarios que marcharon fai décadas do País, ou ben faleceron sen que existan posibles herdeiros”, advertindo de que esta realidade está detrás dunha parte importante das dificultades que teñen os concellos para cumprir coas súas obrigas en materia de prevención dos incendios. Esta reforma permitiría non só mellorar a protección fronte aos incendios forestais, senón tamén recuperar inmobles abandonados para ampliar o parque público de vivenda, revitalizar os núcleos rurais e reforzar a función social da propiedade, contribuíndo á fixación de poboación e o desenvolvemento do interior de Galicia.




