O BNG presenta tres iniciativas para mellorar Vilanova dos Infantes

Pretende protexer a toponimia e completar a humanización da localidade

Vilanova dos Infantes | O grupo municipal do BNG de Celanova defenderá no pleno ordinario de agosto tres mocións centradas na mellora da atención sanitaria, a protección da toponimia tradicional e a culminación da humanización da entrada a Vilanova dos Infantes.

A primeira iniciativa reclama habilitar un acceso adecuado para as ambulancias no Centro de Saúde de Celanova. O BNG propón instar á Xunta de Galiza a executar unha actuación que garanta a seguridade, a accesibilidade e a intimidade das persoas pacientes, así como solicitar a colaboración do Concello se fose necesario facilitar os terreos para a obra.

“A día de hoxe, os traslados de pacientes ao Hospital Universitario de Ourense realízanse coa carga e descarga na propia rúa, fóra do recinto sanitario, sen cuberta, o que afecta á intimidade e á dignidade das persoas trasladadas”, denunciou a portavoz do BNG, Ernesta Seoane.

A segunda moción busca recuperar e preservar o microtopónimo As Madorras, propoñendo que o concello identifique con este nome o núcleo de poboación situado na estrada de Celanova a Vilanova dos Infantes e que o actual albergue municipal pase a denominarse Albergue Municipal As Madorras.

“Trátase dun microtopónimo case esquecido, porque xa non se transmite ás xeracións máis novas”, sinalou Seoane.

Por último, o BNG solicita completar a humanización da entrada a Vilanova dos Infantes coa instalación dunha nova marquesiña integrada no conxunto histórico e cunha actuación de integración paisaxística da área dos contedores.

“A terceira moción ten como obxectivo completar a humanización da entrada a Vilanova dos Infantes mediante a instalación dunha marquesiña adaptada ao contorno da vila e a integración paisaxística da área dos colectores”, explicou a portavoz nacionalista.

Desde o BNG destacan que as tres iniciativas responden a necesidades concretas da veciñanza e buscan mellorar os servizos públicos, conservar o patrimonio cultural e continuar poñendo en valor un dos principais espazos históricos e turísticos do concello.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.