O BNG pide que o Faro de Budiño sexa declarado Monumento Natural

A solicitude foi realizada no pleno da Corporación Municipal do Porriño

O Porriño/BNG | O grupo municipal do BNG vai solicitar no pleno da corporación municipal do Porriño a solicitude de Monumento Natural para o Faro de Budiño. O Bloque buscará un acordo de tódalas forzas para reclamarlle esta condición á Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

Deste modo, fomentaríanse iniciativas que permitisen reavivar, resignificar e revitalizar ante a cidadanía en xeral, e a cidadanía porriñesa en particular, a promoción dos ambientes deste poderoso e único enclave do Val da Louriña. O Faro de Budiño é un dos espazos do Concello do Porriño que destaca polo seu valor paisaxístico, xeolóxico e patrimonial. Unha maior protección evitaría posibles perigos de deterioro do espazo e facilitaría unha promoción dun espazo cunha gran singularidade.

O pasado sábado 18 de abril o BNG do Porriño organizou un roteiro polo Faro de Budiño. Coa guía do técnico en educación ambiental e concelleiro da forza nacionalista Marcelo Rodríguez, as persoas asistiron a unha xornada de convivio e de promoción dun dos valores do noso concello. “O Concello do Porriño posúe unha variedade de ambientes naturais solapados ou ocultos desde moitas áreas e sectores, dada a única obsesión polo recoñecemento da recente actividade industrial, privándonos e privando a sociedade da potencia ambiental deste concello e asemade, da estima polo propio territorio”, advirte Rodríguez.

O Faro de Budiño é un lugar de notoria beleza e rareza, froito da súa importancia xeomorfolóxica, histórica, arqueolóxica, ecosistemática e xeolóxica; estamos ante un espazo de evidente impacto paisaxístico. Todas estas cualidades xustifican a esixencia dunha maior protección. A figura de Espazo de Interese Paisaxístico nas normas do Concello do Porriño, alén de tentar evitar o seu deterioro, non melloran a primeira percepción nin atenden a relevancia nin a preeminencia que supón para O Porriño ter un lugar de tal singularidade como é o Faro de Budiño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.