O BNG esixe “fin das ameazas de Trump a Cuba”

A eurodeputada Ana Miranda asinou en México unha declaración conxunta de parlamentares de formacións de esquerda de América Latina e de Europa

Aldea Global | No marco da Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana, EuroLat, en México, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asinou unha declaración conxunta de parlamentares de formacións de esquerda de América Latina e de Europa para demandar o fin do “criminal bloqueo económico, comercial e financeiro de EE.UU a Cuba” que leva máis de 60 anos activo e está asfixiando e asolagando á poboación cubana.

Miranda explicou que no manifesto “denunciamos a constante ameaza de agresión militar contra Cuba por parte do Goberno de Trump”, así como o “cerco enerxético e outras medidas coercitivas de asfixia que deterioran a vida da poboacion cubana e pode causar unha catástrofe humanitaria de consecuencias terríbeis”.

A eurodeputada do BNG que participou como vicepresidenta de EuroLat, emprazou a traballar por unhas relacións entre UE e os Estados de América Latina “independentes dos intereses de EE.UU e baseadas na autonomía de ambas partes. “Unhas relacións que deben caracterizarse polo respecto á soberanía dos pobos e basearse nun diálogo democrático”. Miranda considera que a “UE debe cambiar o enfoque da súa política exterior, apostando polo multilateralismo e a diplomacia como a vía para a resolución dos conflitos e como base do respecto pola democracia.É hora dunha política propia, desligada de EE.UU e dos intereses da OTAN e cimentada nos principios do dereito internacional e na defensa dos dereitos humanos” . Miranda deixou claro o rexeitamento ás ameazas e agresións de EE.UU contra Colombia, Brasil, Venezuela, Cuba, entre outros.

Ana Miranda subliñou a “necesidade de parar esta Europa militarizada e envolta nunha carreira armamentística que non se corresponde cos valores sociais, cos dereitos humanos e coas prioridades da poboación”, lembrando o “brutal recorte nos fondos para a pesca e para a PAC no futuro marco financeiro debido ao incremento do gasto en defensa”. Aludiu ao “vergoñento desfile militar en Vigo, un despregue militarista que non ten nada que ver cos valores pacifistas da sociedade galega que se vai manifestar en Vigo en contra da militarización e da ocupación armamentística da cidade e do seu entorno”.

A eurodeputada explicitou a condena de toda violencia política así como a solidariedade coas formacións políticas de América Latina que sofriron persecución e acoso como o partido Justicialista na Arxentina ou a Revolución cidadá en Ecuador. Una vez finalizada a Asemblea Euro-Latinoamericana, Ana Miranda emprende viaxe a Colombia para participar nos comicios como observadora electoral do Parlamento Europeo, dentro da misión de observación do proceso electoral que terá lugar esta fin de semana.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.