
Ourense | En xaneiro de 2023, o Concello de Ourense a través da xunta de goberno local, aprobaba a súa adhesión ao programa de rehabilitación residencial e vivenda social financiado pola UE a través dos fondos Next Generation. Segundo sinala o grupo municipal do BNG, este programa estaba dotado con dous millóns de euros e foi ratificado en maio de 2023 mediante a sinatura do director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta de Galicia e o alcalde de Ourense.
As principais cantidades contidas no programa facían referencia á rehabilitación da zona histórica con 759.800 euros, o núcleo etnográfico de Seixalbo con 205.800 euros, as ERRP do Polvorín, As Camelias e A Carballeira dotado con 907.200 euros ou as ERRP de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada con 127.200 euros.
Mais o certo é que, a día de hoxe e tal e como asegura o portavoz municipal e candidato do BNG Luís Seara, “para sorpresa de todas e todos ou non tanto, vimos de coñecer que en maio deste mesmo ano, o director xeral do IGVS asinou unha resolución pola cal acepta a renuncia do Concello de Ourense ás subvencións concedidas no marco deste programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrios e inxeridas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia finaciado pola UE, tendo que reintegrarse a non pequena cantidade de 1.769.563,80 euros”.
Para Seara “resulta inconcebible que se presente por parte do Concello un Plan de dinamización da Área Rexurbe cando ao tempo, devólvense preto de 2 millóns de euros que se poderían empregar para a recuperación de distintas áreas do concello, especialmente na zona histórica, profundamente degradada a día de hoxe”.
Para o grupo municipal do BNG, a devolución das axudas por parte do Concello de Ourense revelan “absoluta incompetencia e incapacidade de xestión dun goberno local que ao único que se adica é a vender fume a través de notas de prensa” e engaden, “aos atrasos na execución de obras, que obrigan ao Concello a ter que asumir con fondos propios a perda de subvencións como aconteceu coa Praza de Abastos nº 1 ou co edificio da Praza da Trinidade, o cal por certo figura como sede da futura Oficina de Rehabilitación, agora temos que engadirlle a devolución destes fondos o que sumado fai máis de cinco millóns de euros perdidos”.
Desde a formación nacionalista advirten ademais que a devolución dos fondos “pode implicar unha penalización por parte da UE á hora de querer captar fondos no futuro polo feito de non saber xestionalos, diante disto, entendemos que o Plan da Área Rexurbe queda seriamente comprometido”. Na foto Rhut Reza, X. Manuel Puga, Luís Seara e Erea Blanco.




