
Ourense | O deputado por Ourense no Pazo do Hórreo Iago Tabarés e o Portavoz municipal Luís Seara compareceron en rolda de prensa para denunciar a situación de parálise e de falta de información na que se atopa actualmente o proxecto para dotar a Ourense dun novo edificio administrativo no que concentrar todas as dependencias e servizos que a Xunta ten, a día de hoxe, esprexidos pola cidade.
Foi precisamente Luís Seara quen comezou sinalando que estamos diante dun proxecto “aprobado xa no ano 2021 pero do cal, desde entón a hoxe pouco ou nada se sabe”. Seara fixo alusión á pregunta trasladada este mesmo martes na Xunta de Área de Urbanismo do Concello ao Concelleiro delegado, quen en resposta ao nacionalista dixo “non sabemos nada”. Para Seara a resposta “define claramente a incertidume que existe a respecto deste edificio, feito que a nós nos xera moitas dúbidas e preguntas que entendemos precisan resposta por parte do Executivo galego”.
Para tentar clarexar ditas dúbidas e coñecer polo miúdo cal é a situación na que se atopa o proxecto, o BNG, a través do deputado Iago Tabarés, ven de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego. Tabarés comezou lembrando que “o que facemos desde o BNG é volver á carga pois levamos presentado ao longo deste e da anterior lexislatura moitas preguntas e iniciativas para coñecer os pormenores dun proxecto do cal apenas sabemos nada”.
Tabarés fixo cronoloxía xa que “esta é unha acumulación sucesiva de máis de 30 anos de promesas incumpridas. É un exemplo de planificación cero por parte da Xunta de Galiza. É un exemplo de dous millóns de euros malgastados, tanto na adquisición dalgunhas parcelas, como dixo Luís, en 2021, como nunha serie de pagos de alugueres dos inmobles nos que se atopan na actualidade varias unidades administrativas”.
Fraga e Feijoo
Iago Tabarés lembrou que xa en época de Manuel Fraga primeiro e con Núñez Feijoo despois, “e sempre en periodo pre-electoral, fixéronse anuncios sobre a execución deste proxecto que a Xunta consideraba moi necesario para Ourense mais o certo é que pasado o día, pasada a romaría e ate o de agora nada se ten sustanciado”.
O deputado por Ourense quixo facer especial fincapé no acontecido en 2020, ano no que figuraban dous millóns de euros para o edificio administrativo, proxectado nese momento nas instalacións que ocupa actualmente o PAC na rúa Concello mais o certo é que a finais dese mesmo ano “a Xunta sorprendeunos coa adquisición de catro parcelas, que ben poderían ter sido 15, ou 20. Non se coñecía a superficie necesaria, porque non se sabía como era o inmoble que supostamente se ía construír alí”.
O certo é que en setembro de 2023 adxudicouse a redacción do proxecto o cal, segundo Tabarés “tiña que estar redactado en seis meses” mais a día de hoxe “nada se sabe do mesmo” e engade, “non hai proxecto, non hai licenza, non hai absolutamente nada”. Chegados a este punto, desde a Formación nacionalista urxen ao Executivo galego a que aclare cal é a situación do citado proxecto a día de hoxe, que aclare se as parcelas adquiridas teñen a superficie axeitada para o desenvolvemento do proxecto previsto e se non é así, “cales son alternativas que se barallan”.
Iago Tabarés reclama “un calendario sobre que previsións hai para poder aprobar ese proxecto, que previsións hai para poder licitar esa obra de 24 millóns de euros pero que a día de hoxe non ten nin proxecto nin licenza”. E advertiu, “neste momento dubidamos das posibilidades técnicas de construílo alí. Polo tanto, o que pedimos é respecto á cidadanía ourensá, respecto a Ourense, respecto aos recursos públicos e que se dote a Ourense dese edificio administrativo que se demandaba hai dous séculos pois nin Ourense nin a veciñanza merecemos iste trato”.




