O BNG de Ourense pide explicacións sobre os apagóns eléctricos

Afectou a máis de 900 subministros segundo a empresa Naturgy

Ourense | O 17 de setembro, a cidade de Ourense volveu sufrir un importante apagón que afectou a máis de 900 subministros segundo as propias informacións que Naturgy forneceu aos medios de comunicación. Se ben é certo que tivo unha duración limitada, de aproximadamente unha hora, non é menos certo que isto causou danos e prexuízos, singularmente no comercio. Cómpre lembrar que no mes de xuño houbo unha situación similar por mor dun incidente e hai un ano, no mes de outubro de 2025, outro apagón provocou perdas importantes xa que nalgunhas zonas durou varias horas.

Esta situación, que se viviu na terceira cidade de Galicia, amosa segundo sinala a deputada do BNG por Ourense Noa Presas “como a calidade do servizo eléctrico en Galiza é recorrentemente obxecto de debate e tamén de reclamacións de toda índole tanto ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia como á Valedoría do Pobo polo que o Goberno galego debe implicarse na súa resolución e exercer as súas competencias tanto desde o punto de vista do comercio e da protección ás e aos consumidores como desde o punto de vista económico toda vez que as deficiencias poden afectar ao desenvolvemento da actividade económica”.

Noa Presas advirte que “no concello de Ourense, lonxe de garantirse unha calidade acorde coa lexislación vixente e coas necesidades dun concello que é nó estratéxico de comunicacións e actividade económica, a veciñanza e o tecido produtivo levan anos padecendo cortes reiterados de subministro eléctrico, tanto de curta como de longa duración, moi especialmente na zona vella e na zona da Carballeira”.

Diante desta situación, o BNG entende preciso “depurar se hai deficiencias no mantemento e na configuración da rede de distribución que abastece o concello e tamén a limpeza, xa que a falta de rozas adecuadas, a presenza de masa arbórea próxima ás liñas ou accesos deficientes poden agravar os riscos e prolongar as interrupcións. A Xunta, como Administración competente en materia de industria e enerxía debe exercer de maneira efectiva as súas competencias de inspección, control e sanción, garantindo que as empresas distribuidoras cumpren cos estándares de calidade fixados e tendo o papel de apoio preciso para a veciñanza, tecido económico e municipios”.

O BNG, a través do seu Grupo parlamentar no Pazo do Hórreo, vén de rexistrar unha serie de iniciativas nas que solicitan explicacións e exixen solucións á Xunta de Galiza lembrándolle as competencias que ten en materia de consumo, de industria e de enerxía para actuar diante das empresas. Demandan das empresas distribuidoras, e en particular de UFD, o estrito cumprimento dos estándares de calidade do subministro eléctrico no concello de Ourense así como a exixencia para a execución dun plan específico de mellora da calidade do subministro eléctrico en Ourense.

Finalmente, para o BNG “é imprescindíbel garantir que as persoas consumidoras e as empresas de Ourense reciben de forma efectiva e áxil as indemnizacións e compensacións previstas pola lexislación en caso de falta de calidade do servizo eléctrico, impulsando campañas de información específicas no concello sobre os seus dereitos e os procedementos para reclamar”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.