
Ourense | O BNG denuncia o novo traslado que a Concellería de Educación impón ao seu persoal para a semana que vén. As nacionalistas critican que este cambio de sede “chega precisamente a comezos de setembro, cando a Concellería afronta a maior carga de traballo do curso”. A isto súmase que a páxina web de Educación leva xa dez días caída, en pleno proceso de matriculación, o que está a xerar serios problemas ás familias que necesitan tramitar as súas solicitudes.
Para o BNG, este novo traslado non é un feito illado, senón “o último capítulo dunha sucesión de mudanzas sen sentido que só supoñen gasto público e desorganización”. As nacionalistas lembran que hai apenas un ano, por estas mesmas datas, xa se manexaba a idea de trasladar a Concellería á Molinera, onde tamén se prepararon as instalacións, aínda que finalmente quedou en nada. A iso hai que sumar o investimento realizado para adecentar o espazo que ocupa actualmente a Concellería que agora tamén queda inutilizado.
O portavoz nacionalista critica que se estea a malgastar diñeiro e tempo en sucesivos caprichos de localización, sen ningunha planificación nin criterio, e sen ter en conta que unha mudanza de dependencias non é “pouca cousa”: “implica un esforzo enorme para o persoal, que ademais ten que asumilo pola súa conta e na semana de máis traballo do ano”. As nacionalistas esixen que se poña fin a esta sucesión de traslados improvisados e que se teña, dunha vez, a consideración debida cos traballadores e traballadoras municipais.




