• Segue conectado
  • |

O BNG de Mos reclama apoio material para a reapertura dos centros veciñais e culturais


Mos | Gustavo Barcia solicita ao goberno municipal que lles proporcione material hixiénico e protocolos de seguridade para que poidan traballar con garantías.

Estas propostas xurdiron das reunións mantidas con representantes do tecido asociativo e súmanse ás medidas de apoio á cultura presentadas hai varias semanas.

Mos, 30 de maio de 2020. Nas últimas semanas, o BNG de Mos mantivo varias reunións con representantes do tecido asociativo para coñecer de primeira man as dificultades que están a afrontar por mor da alerta sanitaria do COVID-19 e recoller as súas impresións e ideas sobre como afrontar a saída desta crise. O portavoz nacionalista no concello, Gustavo Barcia, puido constatar a situación de incerteza na que se atopan moitas entidades sociais e culturais e solicitou ao goberno municipal a adopción de medidas concretas “para que a pandemia non supoña un punto e aparte na súa actividade, senón unha paréntese”.

O grupo municipal do BNG solicitou, a través do rexistro do Concello, que se lle subministre material hixiénico, como máscaras e xeles hidroalcólicos, a todos os centros culturais para que poidan afrontar a reapertura, no momento en que sexa posible, con plenas garantías sanitarias.

Do mesmo modo, Gustavo Barcia ve necesario que se lles proporcione un protocolo de hixiene, limpeza e seguridade que lles sirva como guía para retomar a súa actividade. O concelleiro considera que “os centros culturais e veciñais son o núcleo fundamental da vida social de moitas parroquias de Mos” e por iso ve imprescindible ofrecerlles respaldo económico, loxístico e institucional. “Non abonda con meras palabras que ás veces son simple propaganda”, indica Barcia.

Propostas para a cultura

Estas medidas de apoio ao tecido asociativo veñen sumarse ás propostas para a cultura que foron remitidas ao goberno municipal hai xa varias semanas. O BNG pediu unha modificación do plan cultural para que os grupos adscritos reciban, cando menos, as mesmas subvencións que o ano pasado aínda que non realizaran ningunha actuación. No mesmo documento reclamábase respaldo institucional e económico para os eventos culturais que tiveron que ser suspendidos ou estean a atravesar dificultades a raíz da crise sanitaria. Gustavo Barcia lembra que “a propia viabilidade económica dalgunhas asociacións está ameazada” e por iso ve necesario manter, na medida do posible, o investimento en cultura. O BNG propuxo, no seu momento, que toda aquela partida orzamentaria de cultura que non se puidera executar por mor do coronavirus fora reinvestida, cando menos a metade, de novo en cultura.

Publicado o 8 Xuñ 2020 en Mos, Portada, Sanidade.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies