O BNG de Mondariz asume a súa responsabilidade co traspaso de poderes

O ex alcalde Xosé Emilio Barros deixou rexistradas as obras e proxectos en execución ou pendentes

Mondariz/BNG | En vésperas da sesión plenaria de investidura do 17 de xuño, Xosé Emilio Barros, alcalde nacionalista de Mondariz desde 2019 ata 2023, deixou rexistrado un documento onde se detallaban as obras e proxectos en execución ou pendentes de execución, outros traballos xa en marcha ou por iniciarse, así como compromisos adquiridos polo Concello durante o seu mandato.

Esta información tamén foi transmitida ao alcalde Xoán Carlos Montes “Calis” despois da sesión plenaria de investidura para asegurar un traspaso de poderes harmónico e sen atrancos, propio dunha forza política madura e responsable. Xosé Emilio Barros e os demais concelleiros e concelleiras que asumiron responsabilidades de goberno no Concello de Mondariz durante o mandato 2019-2023 están facilitando un traspaso de poderes harmónico e sen atrancos para evitar atrasos indesexados na licitación, execución e
xustificación de numerosos proxectos de gran impacto que deixaron en marcha antes da cita coas urnas do pasado 28 de maio.

Trátase dun traspaso de poderes responsable e exemplar que non aconteceu en xuño de 2019, cando o rexedor actual, Xoán Carlos Montes “Calis”, abandonou a Alcaldía con malas formas e sen vontade de facilitar información institucional de importancia para a xestión municipal, como a débeda contraída coa Xunta de Galicia polo centro de día.

Xa como alcalde en funcións, e ante a expectativa de non renovar o seu mandato na Alcaldía de Mondariz polos resultados das pasadas eleccións municipais do 28 de maio, Barros rexistrou en vésperas da sesión plenaria de investidura un documento de sete páxinas no que se detallan as obras e proxectos en fase de execución ou pendentes de executar, outros traballos xa en marcha ou por iniciarse, compromisos adquiridos polo Concello durante o seu mandato, e cuestións máis relacionadas coas concellerías de Servizos Sociais e Facenda, que durante os últimos catro anos foron responsabilidade do concelleiro socialista José Luis Fernández.

O luns 19 de xuño, así mesmo, entregóuselle ao alcalde toda a información relativa á xestión dos medios de comunicación institucional. Esta normalización do traspaso de poderes e información institucional clave contrasta radicalmente coa vivida no ano 2019, cando o Goberno municipal atopou cun bloqueo inaudito que afectou mesmo aos medios de comunicación institucional, pois denegouse o acceso á páxina institucional en Facebook que estaba en funcionamento, obrigando a crear novos perfís e medios institucionais desde cero.

Notifícase a aprobación de varias subvencións solicitadas antes das eleccións
O Goberno municipal que dirixía o BNG desde a Alcaldía deixou tramitados numerosos proxectos que xa se están visibilizando e se visibilizarán nos próximos meses de anos. Ademais do cambio a LED da rede municipal de alumeado público, da ampliación e mellora da senda fluvial de Laredo xunto ao río Xabriña e da construción dun centro de ocio e deporte urbano no Campo da Minada, que foron deixados en fase de execución, están por licitar as obras de rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Redo, na parroquia de Vilar.

Nos últimos días, así mesmo, o BNG tivo constancia de que se notificou ou se está en proceso de notificar ao Concello de Mondariz a concesión de diversas subvencións solicitadas antes da cita electoral do pasado 28 de maio para financiar destacados proxectos para a transformación da localidade, como o Centro de Interpretación Interactiva e de Formación da Cestaría de Mondariz, a ampliación e mellora das instalacións deportivas da Lagoa, a redacción dun proxecto técnico para a ampliación e mellora de instalacións deportivas e de ocio na contorna da praia fluvial do
Val, e varias actuacións en sinalización de patrimonio histórico, como as que viñan realizando os últimos anos.

No mes de maio, pouco tempo antes das eleccións, desde a Alcaldía do BNG tamén se promoveu a solicitude dun ambicioso proxecto para a restauración de espazos nas contornas de cruceiros e petos de ánimas que se estende ao longo das doce parroquias do Concello. Este proxecto, que se preparou ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para optar a fondos europeos Next Generation EU, ten un orzamento de 2.884.755 € e agarda resolución. Complementamos esta nota de prensa co documento de traspaso de poderes que rexistrou o exalcalde nacionalista Xosé Emilio Barros na véspera do pleno de investidura.