O BNG de Cea denuncia anos de retraso da estrada de Mandrás a Viduedo

É unha infraestrutura fundamental para a mobilidade diaria da veciñanza

San Cristovo de Cea | O BNG de Cea denuncia o que considera unha nova mostra da política de propaganda do Partido Popular arredor da mellora da estrada provincial OU-0456 entre Mandrás e Viduedo, unha actuación que foi avalada por múltiples firmas da veciñanza, elaborado o proxecto en 2021, licitada e adxudicada parte da obra sen que a día de hoxe se fixera nada máis que colocar un cartel.

Os nacionalistas lembran que esta vía é unha infraestrutura fundamental para a mobilidade diaria da veciñanza e que o seu arranxo foi unha demanda reiterada durante anos por parte dos habitantes da zona. A pista non foi ampliada nin se mellorou ningunha curva desde a época do marquesado de A Pousa. Por iso consideran inaceptable que unha necesidade real da cidadanía se converta nun instrumento de autobombo político.

“O problema non é que se faga a obra, porque é necesaria e chega con anos de atraso. O problema é que a mesma actuación se anuncie unha e outra vez mentres os veciños e veciñas continúan esperando que as promesas se convertan en feitos”, sinalan desde o BNG.

Cartel informativo
A formación nacionalista critica que o cartel informativo da obra leve máis tempo anunciando a actuación do que a propia obra tardaría en executarse. “A veciñanza leva dous anos vendo anuncios, fotos e titulares sobre esta estrada. O que quere ver son resultados. Os veciños non viven dos anuncios; sofren a incomodidade e o riscos dunha infraestrutura que precisan para o seu día a día”, afirman.

O portavoz do BNG de Cea, Manuel Pérez, subliñou que “este investimento para mellorar a pista é unha vella demanda, igual que a conexión con Amoeiro, que melloraría a seguridade vial, evitando que os vehículos teñan que deterse cando se cruzan. As administración deben ser responsables e executar as actuacións nos prazos comprometidos”.

No acto tamén participou o deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, quen denunciou que a Deputación continúe empregando obras necesarias para facer propaganda política mentres moitas demandas da provincia seguen sen atenderse. “As estradas non melloran con carteis nin con notas de prensa. Melloran cando hai vontade política para executar os investimentos e cando se respecta á cidadanía”, afirmou.

O BNG reafirma o seu compromiso de seguir defendendo os intereses dos veciños e veciñas de Cea e de fiscalizar o cumprimento dos investimentos anunciados polas distintas administracións.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.