
Ourense | O BNG da Arnoia-A Limia reclama á Xunta de Galicia que non autorice o Parque Eólico Cantanarrás nin as súas infraestruturas de evacuación, ante os importantes impactos que o proxecto pode provocar sobre o territorio, a biodiversidade e o patrimonio da comarca.
A formación nacionalista lembra que o proxecto se sitúa nun emprazamento no que xa existira un similar, o Parque Eólico Fonsanta, para o que a Xunta emitiu unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable.
Desde o Bloque consideran insuficiente a avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos que Cantanarrás tería xunto cos parques eólicos e demais infraestruturas enerxéticas existentes ou previstas nas comarcas da Limia e a Baixa Limia.
O proxecto afecta directamente ao Concello de Rairiz de Veiga, onde está prevista a instalación de cinco dos aeroxeradores do Parque Eólico Cantanarrás. Desde o BNG da comarca advirten de que esta nova infraestrutura suporía unha transformación permanente da paisaxe e podería afectar elementos do patrimonio natural e cultural, incluída a súa incidencia visual desde o Camiño da Prata.
Silvia Piñar, membro da Plataforma STOP Eólicos e concelleira do BNG no Concello de Baltar, refírese á dimensión territorial do proxecto: “Non estamos falando só de cinco aeroxeradores en Rairiz de Veiga, senón dun novo proxecto que se suma a unha presión eólica cada vez maior sobre A Limia e a Baixa Limia. Non podemos aceptar que os nosos concellos vaian acumulando infraestruturas enerxéticas sen que se teñan en conta os seus efectos sobre a paisaxe, o patrimonio e a vida das persoas que habitan este territorio”.




