O BNG critica a eliminación do Apalpador da programación de Nadal da Deputación de Pontevedra

O ve como un “novo ataque do PP a lingua e tradicións do Nadal galego”

Pontevedra/BNG | O grupo do BNG na Deputación de Pontevedra vén de criticar “a nula sensibilidade e interese por defender a lingua e as tradicións galegas” do novo goberno provincial do PP ante a eliminación das actividades do Apalpador para este Nadal.

Segundo a anterior responsable da área de Lingua na institución provincial, María Ortega, a decisión supón “un novo ataque” do Partido Popular á identidade do país que, ademais, deixa aos concellos sen a programación provincial habitual a menos dun mes de que comecen as festas.

Ortega destaca que o anterior goberno, coa parte nacionalista á fronte da área de Lingua, decidiu retomar en 2015 a figura do Apalpador co ánimo de promover o uso e dinamización do galego entre a xente miúda e preservar as tradicións propias, en concreto o Nadal na Galiza. “As actividades do Apalpador eran un momento de ‘amor’ ao Nadal galego co ánimo de non ceder ante protagonistas alleos”, apunta a nacionalista.

A deputada subliña que a decisión de prescindir do Apalpador unicamente se pode entender dentro da ideoloxía “máis rancia e antigalega” do PP provincial. Destaca que as actuacións eran solicitadas por concellos de todo signo político, tanto populares, socialistas como nacionalistas, con moito interese tendo un grande éxito de público: só na súa oitava edición, no 2022, os pasarrúas e espectáculos foron presenciadas por máis de 10.000 persoas.

Neste sentido, critica que o goberno de Luís López está deixando moi claras as súas políticas sobre o idioma, posto que “non lle chega con amosar pouco interese polo galego ao reducir o orzamento para 2024 e diluír o departamento de Lingua dentro do de Cultura, senón que tamén desfai o xa proxectado polo anterior equipo de goberno para este ano. Non queren deixar en pé iniciativas de éxito que permitan que o galego agrome nas crianzas”, subliñou, destacando que o custe económico da iniciativa apenas ascendía arredor de 300 euros por concello.

A nacionalista insistiu ademais en que os pasarrúas e actuacións do Apalpador non só eran unha actividade de defensa da lingua galega. Salientou que a figura do Nadal galego tamén aproveitaba para falar do necesario respecto ao ambiente, de hábitos alimenticios saudables e de igualdade. “Unha figura así, que defende a lingua, só lle pode molestar a quen tamén nega o cambio climático, a quen permite que os menús escolares sexan de pésima calidade como comprobamos nos centos de ensino da provincia -ou a base de pizza e hamburguesa como defendía Ayuso en Madrid-, ou a quen xustifica as políticas máis sexistas e contrarias aos dereitos da muller da ultradereita”, fixo fincapé a deputada.

Por outra banda, Ortega tamén criticou a pouca transparencia e comunicación cos concellos para comunicar a decisión. Destacou que moitas Alcaldías preguntaron polo Apalpador nos últimos meses sen ter resposta de se ían manterse as actuacións na provincia (43 en 2022).

“Xa sospeitabamos que isto podería acontecer. Pero aos concellos déronlle a calada por resposta, á espera do que decidisen dende o departamento de Cultura, sen saber se o podían incluír ou non nas programacións municipais de Nadal. Quedaron ‘tirados’ con todo cancelado a apenas un mes das festas”, insistiu a nacionalista.  Asegurou que da programación alternativa supostamente organizada pola Deputación non se sabe nada, “polo que moi probablemente quedará nun acendido de luces nas instalacións administrativas e nos Castelo de Soutomaior e Sobroso”.