O Pereiro de Aguiar aproba un orzamento de 6,8 millóns€

Son os máis altos da historia do Concello

O Pereiro de Aguiar | O Concello do Pereiro de Aguiar aprobou os orzamentos máis altos da súa historia, 6.815.000 euros, nos que destaca a aposta polos servizos sociais, igualdade, conciliación e apoio ás familias, cunha partida de 1.135.000 euros.

Experimentan un incremento de 110.000 euros respecto a 2023, a pesar da conxelación na participación do Concello nos tributos do Estado, o que supón unha diminución considerable de ingresos municipais, segundo manifestou o alcalde, Luís Menor.

O Pereiro mantén a débeda en cero e non aumentou ningún imposto nin taxa municipal, e o remanente de tesourería supera os 245.000 euros. En investimentos reais, con 1,3 millóns de euros, destacan as obras en estradas e camiños municipais (332.000 euros), actuacións de eficiencia enerxética (150.000), parque empresarial (130.000) e a aldea modelo (150.000 euros). Para as áreas de educación, cultura e deporte destínanse 565.000 euros.

O alcalde subliña que o investimento en Pereiro non se reduce aos orzamentos municipais e detalla que, actualmente, están en execución diversas obras que marcarán o futuro do Concello. Por unha banda, a inminente finalización da primeira fase do Parque Acuático, cun investimento de 10 millóns de euros e que entrará en funcionamento este verán.

Tamén está en marcha a ampliación do parque empresarial, con máis de 230.000 metros cadrados e con máis do 70% da superficie reservada.

No apartado de servizos está a ampliación do colexio Ben-Cho-Shey, e a construción do novo instituto, que é unha dos grandes investimentos deste mandato. Na foto as instalacións do colexio público.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.