O BNG celebra 15 anos de goberno en Tomiño

Este sábado 18 de xuño

Tomiño/BNG | 15 anos transformando Tomiño e converténdoo nun referente da comarca do Baixo Miño e de toda a provincia. A alcaldesa nacionalista, Sandra González, e o seu equipo celebran este sábado 18 de xuño (20.30 h, Praza do Seixo) os seus 15 anos ao fronte da vila cun acto festivo que contará coa participación da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para abordar un proxecto ilusionante dende os seus inicios co que Tomiño está a escribir as páxinas máis brillantes da súa historia.

Anos de traballo e xestión sólida que permitiron asentar os primeiros chanzos dunha transformación integral do municipio na que os veciños e veciñas sempre son e serán o centro.

Pasos dados para converter Tomiño nunha vila moderna e innovadora á vangarda do desenvolvemento coa consolidación de grandes iniciativas como as melloras de espazos públicos nos núcleos urbanos e nas parroquias, pero tamén como apostando polo benestar social, pola educación, a cultura ou o medio ambiente.

E apostando tamén pola mocidade e polo seu futuro, defendendo firmemente unha formación que permita xerar máis emprego e máis dinamismo que anima á veciñanza a asentarse no municipio.

Son 15 anos de esforzo e ilusión no que Sandra González e o seu equipo foi quen de sacar todo o potencial de Tomiño, mellorando a calidade de vida do municipio e gañando poboación ano tras ano.

Durante este acto de celebración as persoas asistentes poderán gozar co concerto de Acevedos Delgados e cun espectáculo de danza que representará unha alegoría da transformación, ademais de con inchables e servizo de atención infantil para os máis pequenos e pequenas.