
Ourense | O pasado xoves día 30 de abril e a última hora da mañá, o goberno do Concello de Ourense remitía aos grupos da oposición o proxecto de orzamento para o presente exercicio 2026 e abría o prazo de 10 días naturais para a presentación de emendas. Un documento composto por 2.274 folios que o BNG comezou a escudriñar desde ese mesmo día. Este luns día 4 de maio, o alcalde convocaba unha xunta de portavoces á cal o representante do BNG non acudiu.
Luís Seara comezou a súa comparecencia en rolda de prensa esta mañá abordando precisamente esta cuestión para sinalar que “non fomos á Xunta de Portavoces porque non estamos dispostos a validar un xeito de facer que non só non se rixe polo máis mínimo respecto institucional senón que ademáis vai contra o regulamento do propio Concello” e engadía, “o artigo 48.3 do mesmo, di literalmente que a convocatoria farase por quen teña que presidila e cursarase, como mínimo, con 24 horas de antelación e incluirá a orde do día dos asuntos a tratar, nada disto se fixo, a pesares de preguntar de xeito reiterado”.
Entrando xa na avaliación do proxecto de Orzamento para o exercicio 2026, o Portavoz nacionalista foi meridianamente claro ao afirmar que “é o orzamento de PP e Democracia Ourensá (DO). Máis aló dos xogos florais e de ficticios desencontros, este orzamento está pactado desde hai tempo por Luís Menor e Jácome”. Segundo Luís Seara, “Jácome presiona coa posible cuestión de confianza, no caso de que o PP lle vote en contra e o PP, por boca do seu presidente provincial, ven de anunciar que están dispostos a negociar, algo que xa se fixo. Agora pactarán os termos do acordo para saír o menos damnificados posible”.
Para o grupo municipal do BNG as contas presentadas polo executivo local “ten os mesmos vicios que o do ano 2020, inexistencia de negociación colectiva e anulado parcialmente pola xustiza e que o de 2025, que está xudicializado e pendente de que se pronuncien igualmente os tribunais”. Luís Seara denuncia que “o orzamento non conta co necesario e preceptivo informe da Intervención xeral, feito para nós de gran relevancia pois pretender que os grupos fagamos emendas a un orzamento, cuxo expediente está inconcluso é surrealista”.
Outra das cuestións denunciadas polo BNG refírense ás bases de execución que acompañan ao presente proxecto de orzamento. Segundo sinalan, se as bases de execución do 2025 eran “perversas” e limitaban o control e fiscalización por parte dos técnicos e da oposición, “as de este orzamento afondan aínda máis nesta cuestión, outorgándolle ao Alcalde moitísima máis capacidade para facer á marxe do control económico e financeiro”. Seara citou algúns exemplos, “estas bases facultan a que un concelleiro delegado poida certificar tecnicamente, aínda que careza de competencia na materia, obras que non excedan de 40 mil euros. Outro exemplo, vanse poder incorporar remanentes sen necesidade de ter aprobado a liquidación do exercicio anterior. Outro exemplo, a un de xaneiro vanse poder pagar, con carácter retroactivo, facturas pendentes dos exercicios anteriores”.
Os nacionalistas teñen claro que este orzamento “profundiza no caos administrativo, aplicando o método DO, con modificacións continuas da RPT pola porta de atrás, colocando aos afíns e dicimos isto porque seica non se poden contratar traballadoras sociais, tendo en conta a precaria situación dun servizo tan trascendental para as persoas porque non hai prazas vacantes, pero para a contratación de 12 TAXs, amigos e próximos do Alcalde, si se fai unha modificación urxente da RPT para adecualas a eles”.
Tamén no referido ao persoal, Luís Seara afirma que este orzamento “premia e gratifica” con importantes subas económicas “a aqueles funcionarios que lle son funcionais. Que este método é unha realidade non pasa desapercibido para os xuíces. Suprime as xefaturas de servizo e crea unha estrutura organizativa con ata tres postos directivos, que son os que cortan o bacallao”. “Este orzamento revela, por fin, o que o BNG leva denunciando ata a saciedade, en relación coa precaria situación económica, o que implica, e xa poñen a venda diante da ferida, que haxa que ir a un plan económico e financeiro. Non hai débeda financeira, pero hai unha débeda cada vez maior cos proveedores”.
O resumo deste orzamento para o grupo municipal do BNG “é que está feito para que lle paguemos, aínda que non será co apoio do BNG, a campaña electoral a Jácome”.




