
A Caniza | O Pavillón Municipal Carballo do Marco foi escenario do 8 ao 10 de maio, dunha competición do máximo nivel organizada polo Club Balonmán Caniza en colaboración coa Real Federación Española de Balonmán e co apoio do Concello, que realizou un importante esforzo institucional e económico para facer posible a celebración desta cita deportiva de ámbito nacional. Na fase participaron o Balonmán Caniza, como equipo anfitrión, xunto co BM Marni Rosval de Valencia, o Lauko Ermuko Errotabarri de Ermua (Bizkaia) e o Helvetia Montequinto de Dos Hermanas (Sevilla), disputándose a competición en formato de liga a unha soa volta.
A programación da fase comezou xa nos días previos coa presentación oficial da competición celebrada o pasado 1 de maio, nun acto institucional no que participaron o Alcalde Luis Piña e Concelleiros de Goberno; Presidente e directiva do Club Balonmán Caniza, corpo técnico e xogadoras, destacándose a importancia que supuña para o municipio acoller unha cita deportiva desta categoría.
Posteriormente, o 5 de maio, o Concello e o Club asinaron o convenio de colaboración para a organización da fase de ascenso, reafirmando así o compromiso institucional co deporte feminino e co apoio ás entidades deportivas locais. A través deste acordo, o Concello achegou ao club unha colaboración económica de 8.000 euros destinada á organización da competición, ademais de asumir diferentes actuacións de mellora e acondicionamento no Pavillón Municipal Carballo do Marco para garantir o correcto desenvolvemento da fase.
Con motivo do inicio da competición, o venres 8 de maio, o Alcalde recibiu no Salón de Plenos ás delegacións dos catro equipos participantes, dando a benvida ás xogadoras, corpos técnicos e directivos e agradecendo o esforzo realizado por todos os clubs para acadar esta fase decisiva da tempada. Durante esa recepción institucional, o rexedor destacou “a importancia de que A Caniza poida acoller un evento deportivo desta categoría, que sitúa o municipio no mapa do deporte nacional e contribúe a dinamizar a nosa vila”. A competición reuniu durante tres xornadas consecutivas a centos de afeccionados que encheron as bancadas do pavillón municipal e gozaron dun gran ambiente deportivo, nunha fase marcada pola igualdade e a emoción ata a última xornada.
O Balonmán Caniza competiu con entrega diante da súa afección nunha fase de enorme esixencia deportiva. O conxunto canicense non puido clasificarse ante o Lauko Ermuko Errotabarri (25-25),a pesar de empatar no último partido, pero ofreceu unha gran imaxe durante todo o campionato. A clasificación final do Grupo I quedou encabezada polo Lauko Ermuko Errotabarri, que logrou o ascenso á División de Honra Ouro tras sumar 5 puntos. O Helvetia Montequinto finalizou na segunda posición con 4 puntos, o BM Marni Rosval foi terceiro con 2 puntos.
O domingo, coincidindo coa xornada decisiva, o Alcalde ofreceu tamén unha recepción institucional á alcaldesa de Ermua, que se desprazou ata A Caniza para acompañar ao equipo vasco no encontro definitivo que certificou o seu ascenso de categoría. Desde o Concello quérese felicitar ao Lauko Ermuko Errotabarri polo ascenso conseguido e trasladar un recoñecemento especial ao Club Balonmán Caniza polo extraordinario traballo organizativo realizado para converter esta fase nun éxito deportivo e de participación.
O Concello agradece ademais a implicación da afección, do voluntariado, das administracións colaboradoras e de todas as persoas que contribuíron durante eses días a proxectar a mellor imaxe da Caniza como vila comprometida co deporte, a convivencia e a organización de grandes eventos. A celebración desta fase nacional volve demostrar a capacidade da Caniza para acoller competicións de primeiro nivel e consolida o traballo conxunto entre institucións e entidades deportivas para seguir impulsando o deporte e a promoción do municipio.




