O balonmán canicense prepárase para a División de Honra feminina

O Concello e o Club Balonmán Caniza asinaron convenio por 8.000€ para a organización deste evento

A Caniza | O Salón de Plenos acolleu esta tarde a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e o Club Balonmán Caniza para a organización da fase de ascenso á División de Honra Ouro feminina, que se celebrará na vila entre os días 8 e 10 de maio.

O acordo foi formalizado polo Alcalde Luis Piña e polo presidente do club, Marcos Estévez, coa presenza das Tenentes de Alcalde María José Rodríguez e Paula Bacelar e os directivos do CBC Mercedes Lorenzo e Marcos Carrera. Este convenio ven a consolidar o compromiso do Concello coa promoción do deporte local e co apoio a un evento de relevancia estatal.

No marco desta competición, A Caniza converterase no epicentro do balonmán feminino estatal do 8 ao 10 de maio, acollendo no pavillón municipal a catro equipos de diferentes puntos do país: BM Marni Rosval (Valencia), Lauko Ermuko Errotabarri (Ermua), Helvetia Montequinto (Sevilla) e o Club Balonmán Caniza, que exercerá como anfitrión. A fase disputarase en formato de liga a unha soa volta, proclamándose campión o equipo que remate na primeira posición.

Dende o Concello salientouse o esforzo conxunto das administracións públicas, xa que o Concello da Caniza, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra achegan financiamento para a obtención da licenza da Federación Española de Balonmán, imprescindible para a organización do evento e para cubrir, entre outros, os custos de arbitraxe.

Pola súa banda, o club deberá completar o financiamento necesario para afrontar o resto dos custos organizativos.
Ademais, o Concello destinará unha achega adicional de 2.000 euros para a posta a punto do pavillón municipal, mediante actuacións de carpintería, fontanería e melloras estéticas, garantindo así que as instalacións estean á altura dunha competición desta categoría.

Luis Piña volveu a destacar o impacto positivo que terá esta cita para o municipio, sinalando que “esta fase supón unha repercusión e un retorno económico moi importante para A Caniza, que durante varios días se converterá na sede do balonmán feminino a nivel estatal”. Neste sentido, puxo en valor o efecto dinamizador que terá na hostalaría, no comercio local e na proxección exterior do municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.