O arcebispo de Santiago asistirá ao Día de Galicia en Asturias

Recibirá a insignia de ouro e o carné de socio de honra da asociación galega

Aldea Global | A Asociación Día de Galicia en Asturias celebra este ano en Oviedo o seu XXXI aniversario con actividades desde o día 4 ao 20 de setembro. O venres día 4 abrirase unha carpa na rúa Picasso onde se desenvolverán as xornadas gastronómicas de Galicia con diversas actuacións diarias ata o domingo día 20.

O venres día 11 será o encontro empresarial astur-galaico na Cámara de Comercio. Ás sete da tarde, a cirurxiá ourensá Marta Maes ofrecerá unha conferencia na terceira planta do Auditorio Príncipe Felipe e presentará o seu libro “Cuando cada decisión importa” dedicado ao cancro de mama e ás decisións compartidas.

O sábado día 12, na Sala de Cámara do Auditorio ofrecerase un concerto homenaxe a persoas en soidade. Actuará o cantante Antonio Barrios e cantante e pianista Ialma, o actor Bruxo Queimán e a solista Naro. A medianoite na carpa de rúa Picasso o actor Bruxo Queimán ofrecerá o exconxuro dunha gran queimada gratuíta.

Xa o domingo 13 ás once da mañá oficiarase na catedral de Oviedo una misa cantada en recordo de Armando Ramírez, de socios e amigos falecidos e en solidariedade co pobo venezolano e con todas as poboacións de España vítimas dos incendios.

Dúas horas máis tarde, no Hotel Reconquista, o presidente do colectivo galego, Manuel Fernández Quevedo, impoñerá as insignias de ouro e entregará os carnés de socios de honra a Francisco José Prieto Fernández, arcebispo de Santiago e a Rafael del Río Sandino, presidente da Fundación Policía Española (exdirector xeral da Policía e expresidente de Cáritas Española). A xornada dominical concluirá cun xantar oficial no Hotel da Reconquista.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.