O alumnado do IES de Ames disfrutou da música en galego

Con concertos didácticos cos artistas galegos Zënzar e García MC
Os artistas galegos Zënzar e García MC deron a coñecer ao alumnado do IES de Ames e Milladoiro a crecente oferta de música en galego nos últimos anos.

Ames | Parte do alumnado dos IES de Ames e do Milladoiro acudiu a dúas sesións de música e aprendizaxe cos artistas galegos Zënzar e García MC, co fin de dar a coñecer a crecente oferta de música en galego nos últimos anos.

Cunha combinación de interacción e de música en directo, a rapazada puido coñecer en profundidade parte da historia da creación musical contemporánea galega e do rap en galego, a través duns dos seus propios protagonistas. Asistiron ás actividades organizadas pola Concellaría de Mocidade e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames 170 alumnas e alumnos de Secundaria do concello.

A Concellaría de Mocidade e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames organiza estas actividades co obxectivo de achegarlle á mocidade referentes musicais próximos que expandan o coñecemento do panorama musical galego e o proceso de normalización lingüística entre a mocidade amesá, e fomentar a creatividade a través da música entre as persoas máis mozas.

Concerto de Zënzar
Na tarde do luns 18 a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a 70 estudantes de 3º da ESO do IES de Ames, que acudiron á proposta da formación de rock Zënzar. A sesión de 90 minutos dividiuse en dúas partes: unha primeira metade na que se desenvolveu un obradoiro, e uns segundos 45 minutos nos que a banda interpretou parte do seu repertorio.

A charla inicial consistiu nun percorrido á música contemporánea en galego, coa lingua como elemento imprescindible á hora de identificármonos coa nosa cultura. Ademais, a través do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, conducido pola integrante de Zënzar, Laura Romero, falouse de música en galego con perspectiva de xénero.

Concerto de García MC
Unha centena de alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO desprazáronse o martes 19 ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, para asistiren ao concerto-obradoiro do artista García MC.

A posta en escena do rapeiro, acompañado por DJ Mil, intercalou a interpretación dalgúns dos seus temas coa interacción e a participación do público, coas que realizou unha viaxe pola historia do rap na nosa lingua.

Os concertos didácticos tiveron unha boa acollida no alumnado amense.

Esta viaxe foi dende os seus comezos, co pre-rap dos Resentidos e os pioneiros Dios Ke Te Crew, ata a actualidade, con propostas moi diversas en todo o territorio galego. Ademais, destacouse a importancia da lingua como eixe dinamizador e como elemento chave dun xénero coma o rap, cunha forte carga lírica.