
Monforte de Lemos | José Tomé Roca alcalde de Monforte, recolleu en Madrid o premio Escoba de Platino 2026, concedido pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS). O acto enmárcase na Feira Internacional de Urbanismo y Medio Ambiente, TECMA, que celebra a súa 22 edición en IFEMA, do 9 ao 11 de xuño.
A Escoba de Platino é un dos galardóns máis relevantes a nivel estatal no ámbito da limpeza urbana e da xestión de residuos. Nesta ocasión, o Concello de Monforte recibe este recoñecemento pola implantación dun modelo integral baseado na incorporación do punto limpo e do centro verde dentro do servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria.
O rexedor, que acudiu ao evento acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, destaca que esta Escoba de Platino “supón un premio ao traballo realizado para modernizar e facer máis eficiente un servizo esencial para a cidadanía”, así como “un recoñecemento á aposta que realizamos desde o Equipo de Goberno por unha xestión integrada, sostible e coordinada”.
Precisamente, a integración do punto limpo e o centro verde no servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria, implantada en xuño de 2025, permitiu superar as limitacións do modelo anterior, no que ambas instalacións funcionaban de maneira independente, e deste xeito mellorar a eficiencia e a coordinación na trazabilidade dos residuos.

A Escoba de Platino 2026 é a 4ª desta categoría que obtén o Concello de Monforte de Lemos nos últimos seis anos, tras recibir o galardón tamén nos anos 2020, 2022 e 2024. Previamente, obtivo a Escoba de Prata en 2012 e a de Ouro en 2014.
“Recoñecemento ao traballo ben feito”
José Tomé, salienta que este galardón “supón un novo recoñecemento ao traballo ben feito cando no ano 2023 iniciamos o programa de implantación da recollida de residuos orgánicos no Concello de Monforte, sendo un dos primeiros concellos da provincia de Lugo en facelo”. Precisamente, o Concello de Monforte obtivo a Escoba de Platino 2024 “polo seu plan de xestión de materia orgánica adaptado ás necesidades dos cidadáns”. No ámbito urbano mediante sistema de cubeo, porta a porta, no periurbano a través de contedores con peche de chave e na zona rural entregando composteiros individuais para que, unha vez formados, produzan o seu propio compost”.
Actualmente, o Concello mantén activa a campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible” para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no municipio que inclúe accións na rúa e nos centros educativos co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón. A iniciativa achega, de balde, colectores domésticos e composteiros individuais aos veciños e veciñas que o solicitan a través dun formulario ‘on line’ na páxina web municipal.
“Este premio anímanos a seguir avanzando nun modelo de cidade máis sostible e comprometida co medio ambiente. Monforte está a consolidarse como un referente en innovación aplicada aos servizos urbanos”, conclúe o alcalde.




