O AECT Rio Minho pon en marcha un proxecto de bicis transfronteirizas nas Eurocidades do Miño

Trátase dunha iniciativa pioneira na fronteira ibérica para fomentar a mobilidade e sustentable que comezará a funcionar na primavera coa intención de extendela a outros concellos

Tomiño | O AECT Rio Minho presentou hoxe o proxecto piloto para que as Eurocidades do Miño dispoñan dun servizo de préstamo de bicicletas eléctricas que permita á cidadanía cruzar libremente a un lado e outro da fronteira. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, trátase dunha iniciativa de ‘bike sharing’ pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor.

Segundo explicou Benítez, este sistema de xestión compartida para bicicletas eléctricas centrarase nos seis núcleos urbanos de elevada mobilidade que son as tres eurocidades do Miño, e estará ligado á rede transfronteiriza de rutas, sendas e ecopistas do río Miño transfronteirizo. Apuntou que a iniciativa enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.

O deputado subliñou que o servizo ten un atractivo non soamente para a veciñanza galega e portuguesa, se non para as miles de persoas visitantes que percorren as vilas transfronteirizas e as sendas fluviais do Miño, moi transitadas xa a día de hoxe por bicicletas, tal e como se comprobou na propia presentación. Lembrou que, de feito, ademais da mobilidade sustentable outro dos obxectivos estratéxicos do AECT é a promoción do territorio do rio Minho transfronteirizo e a súa marca Rio Minho para atraer máis turismo.

Benítez aproveitou para facer unha reflexión sobre os Fondos de Recuperación Económica da UE e destacou que o servizo que hoxe presentou o AECT encaixa na Estratexia 2030. “Estamos a facer as cousas cun horizonte e un obxectivo claro para desenvolver este territorio. Somos maduros para acceder aos fondos dos que se está a debater. Sabemos onde queremos ir e somos maiores de idade para desenvolver un Investimento Territorial Integrado no río Miño”, reivindicou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, pola súa parte, agradeceu ao AECT Río Miño e ao mundo local, ás alcaldesas, alcaldes e presidentes das cámaras das vilas portuguesas que participan na iniciativa, pola súa “creatividade” e por ser capaces “de poñer en marcha proxectos moi novidosos que responden ás demandas da Axenda 2030 e do novo mundo que temos que construír”. Así, Carmela Silva subliñou que se trata dunha iniciativa “que nos sitúa como referencia das economías máis avanzadas e como modelo innovador ligado á sustentabilidade”. Tamén destacou a presidenta a importancia deste programa piloto ligado á mobilidade sostible “que sitúa a este territorio único, especial, con grandes valores culturais, históricos e medioambientais, no centro dun grande proxecto que está a impulsar como se merece a esta zona”.

Amais a presidenta provincial aproveitou a ocasión para esixir “fondos europeos para o mundo local. Temos que ter a capacidade de xestionar recursos para proxectos coma este que se quedan no territorio e fan posible xerar economía”. Neste eido, Carmela Silva reivindicou tamén que “os fondos europeos non estarán en mellores mans que no mundo local, onde cada proxecto xestionando é un éxito”.

No acto de presentación, ademais dos representantes da Deputación estivo tamén o director do AECT Rio Minho e presidente da Cámara de Cerveira Fernando Nogueira, as alcaldesas de Tomiño e Salvaterra Sandra González e Marta Valcárcel, o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, así como os presidentes das cámaras de Valença e Monçao, xunto ao representante da empresa concesionaria Nuno Oliveira.

Uso a través dunha APP
O deputado Uxío Benítez explicou que nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro e utilizar esta tanto para recados da veciñanza como para circuítos de lecer. A vontade, indicou o nacionalista, é que despois do proxecto piloto, que comezará na primavera, se amplíe a iniciativa tanto en número de vehículos como en concellos implicados. Tamén anunciou que se solicitarán máis fondos europeos para vindeiras convocatorias do Interreg.

Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida non disporán de ancoraxes físicas físicas, senón que haberá espazos (a decidir polos concellos) nos que estarán situadas para a súa utilización, podendo despois deixalas noutros espazos simplemente cancelando a sesión de uso na APP, co que as bicicletas quedarían bloqueadas.

A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.