Novos tramos para a rede de saneamento de Covelo

Nos ramais de Carballeda, o Barreiro e As Óseas

O Covelo | O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que veñen de comezar as obras do proxecto de “ramais de saneamento de Carballeda, en Covelo e O Barreiro e As Óseas, en Santa Mariña”.

O goberno de Covelo continúa así na súa estratexia de mellora dos servizos básicos investindo, nesta nova obra, un total de 69.753,81€ que se suman aos tramos xa executados nos ramais de saneamento en O Castro en Covelo, Costa en Godóns; Santa Cruz en Santa Mariña e Margarida en Paraños.

Ademais de ofrecer un servizo básico á cidadanía, as melloras na rede de saneamento son fundamentais para preservar e protexer o medio natural, un dos principais compromisos deste goberno.

Ao longo de dous meses executaranse nestes tres barrios obras de cortes de pavimento asfáltico, recheos, demolicións, canalizacións, colocación de tubaxe e aros de formigón, construción de pozos de rexistro, asfaltado e limpeza de cunetas e arcéns, entre outros moitos traballos que permitirán a conexión ao saneamento.

Pablo Castillo agradece a comprensión da cidadanía facilitando a realización das obras e adianta que continuará traballando na mellora do servizo de saneamento ata chegar á totalidade de todos os barrios do concello.

As obras execútanse co apoio do Fondo de Compensanción Medioambiental da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia.