Novo convenio reforza o servizo de emerxencias en Ponteareas

Grazas a un orzamento de 320.000€ da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra

Ponteareas | O Concello, a través da concellería de Seguridade que dirixe o tenente de alcalde Juan Carlos González, aumenta a capacidade de atención do GES de Ponteareas grazas a un novo convenio entre a administración local, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

O acordo permite aumentar o orzamento destinado a este servizo en 165.000 euros, situando a cifra total en 320.000 euros.

Deste xeito, o Grupo de Emerxencias Supramunicipais conta con catro efectivos máis para desempeñar o seu labor. Con estas incorporacións, son un total de 16 profesionais os que traballan en materia de prevención e extinción de incendios así como noutras tarefas relacionadas coa caída de árbores e accidentes, entre outras cuestións. Ademais, sumarase un quinto traballador durante os meses do verán para reforzar este servizo na tempada na que aumentan as posibilidades de rexistrar lumes forestais. Durante este período, o número de efectivos ascenderá a 17.

O edil de Seguridade e tenente de alcalde, Juan Carlos González, indica que “tiñamos claro que para reforza o GES era preciso aumentar os recursos para este servizo e, con esta premisa, conseguimos o novo convenio coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra”. Apunta que “damos resposta a unha reclamación histórica e ás necesidades dos nosos veciños e veciñas á vez que creamos postos de traballo”.

Neste sentido, o concelleiro encargado da área sinala que “conseguimos o que outros gobernos intentaron en diferentes anos, con este acordo damos a importancia que merece ao noso Grupo de Emerxencias Supramunicipais, outorgando os recursos que necesita para continuar sendo un dos servizos de referencia”.

O GES de Ponteareas atende as emerxencias que se producen na vila e tamén aquelas que se rexistran en municipios da contorna como Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Salvaterra de Miño. Ao longo do ano, os profesionais do servizo realizan máis de 800 intervencións vencelladas a distintas situacións de emerxencia.