Novo convenio da Área de Rehabilitación Integral en Tui

Permitirá actuacións no seu Conxunto Histórico
Este convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Tui permitirá por en marcha a 15º Fase de actuacións no Conxunto Histórico de Tui.

Tui | O novo convenio da Área de Rehabilitación Integral , ARI, do Concello de Tui, asinado o pasado día 1 en Santiago entre o Ministerio de Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta de Galicia e o Concello de Tui permitirá por en marcha a 15º Fase de actuacións no Conxunto Histórico de Tui.

Nesta nova fase investiranse na rehabilitación de vivendas dentro da ARI 158.500 €, dos que o Goberno Central aporta 63.400 €, o Concello 20.500 € e a Xunta de Galicia 16.383 €. Os 58.217 € restantes corren a cargo dos beneficiarios das axudas.

Na actualidade a Oficina de Rehabilitación da ARI ten en marcha tres fases (12ª, 13ª e 14ª), sumando este mes a 15ª fase, que permitirá a rehabilitación de oito vivendas no Conxunto Histórico de Tui.

Da Fase 12ª están executadas todas as actuacións e estase pendente das últimas xustificacións para dala por rematada. A Fase 13ª ten en marcha catro actuacións, que se prevé rematen no primeiro trimestre de 2022.

Aprobada a Ordenanza reguladora das Axudas, estase traballando dende a Oficina de Rehabilitación na Convocatoria e apertura de prazo para a solicitude de axudas da 14ª Fase, que se prevé sexa publicada no prazo aproximado dun mes.

Posteriormente procederase á unha nova Convocatoria con cargo á 15ª Fase recentemente asinada.