Novo aparcamento gratuíto no Porriño

Na rúa Progreso e con máis de 14.000 m2

O Porriño | O Porriño habilitará unha nova zona de aparcamento gratuíto no centro urbano. A tal fin, o Concello do Porriño formalizará o aluguer de varias parcelas que abarcan unha superficie total de 14.327 metros cadrados nun lugar estratéxico de acceso ao centro.

Trátase de terreos localizados na rúa Progreso con acceso tamén dende a Avenida de Bos Aires.

Dada a súa extensión e situación, estes empregaranse como zona de aparcamento e tamén se destinarán á celebración de eventos e actividades lúdicas e festivas.

Con este novo espazo, situado nunha área de gran afluencia ao estar preto da zona comercial da vila, xunto á zona peonil e a praza de abastos, o Concello suma no último ano 25.000 metros cadrados destinados a tal fin. Cabe destacar que se habilitaron varios aparcamentos disuasorios nos últimos meses con dúas parcelas na zona do instituto Pino Manso e do pavillón municipal e outras dúas na rúa Leandro Diz.

“O problema de aparcamento que había no Porriño prexudicaba gravemente ao tecido comercial e hostaleiro e tamén á veciñanza, que cando quería vir ao centro urbano atopábase sempre con dificultades para aparcar”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

“Con este novo espazo daremos servizo a unha zona clave do centro urbano que ademais se reformará e humanizará por completo, co que pretendemos dinamizar a súa actividade e integrala co resto do centro urbano”, conclúe.