Novas instalacións completan a oferta do parque acuático de Monterrei

Supuxeron un investimento de case 3,7 millóns de euros

Monterrei | O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, visitou as instalacións que completan o parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei, no Concello do Pereiro de Aguiar. Coa ampliación, o parque acuático conta desde esta semana co río lento, cos tobogáns de adrenalina e co parque multiaventura correspondentes ás fases dúas, tres e catro e que supuxeron un investimento de case 3,7 millóns de euros grazas á colaboración entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense.

Estes espazos súmanse ás piscinas infantil, de ondas e de relax, á área de splash e ao resto de atraccións recreativas que xa estaban en funcionamento desde o inicio da tempada de verán, en xuño. Tal e como se anunciara e está xa publicado na web e nas propias instalacións, coincidindo coa apertura destes novos elementos incrementáronse as tarifas de acceso ao parque acuático para adecualas aos servizos que agora se ofrecen.

O parque acuático, que inaugurou a tempada de verán o pasado 19 de xuño, permanecerá aberto ata o 13 de setembro. As instalacións contan cun equipo de máis de 70 profesionais, entre os que se inclúen 30 socorristas con acreditación profesional, persoal técnico sanitario e traballadores destinados ao mantemento, limpeza, atención ao público, cafetería e supervisión.

O investimento global destinado a esta área deportiva e de lecer ascende a preto de 13 millóns de euros. Deles, nove millóns foron achegados pola Xunta na primeira fase, posta en funcionamento en 2024 e que incluíu, entre outros servizos, as piscinas infantil, de relax e de ondas, unha zona de splash, unha área de xogos e varias atraccións. Nesta contía tamén se inclúen as achegas para transformar a área deportiva do complexo lúdico-deportivo. Os case 3,7 millóns restantes enmárcanse no acordo subscrito entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para garantir a execución das actuacións necesarias para completar o espazo que entrou en funcionamento esta semana.

Luís Menor destaca o esforzo inversor da Deputación para colaborar no remate do Parque Acuático de Monterrei, proxecto estratéxico pola pegada económica e turística. As institucións provincial e autonómica investiron ao redor de 13 millóns de euros neste complexo, que tamén será unha infraestrutura de referencia turística e de ocio para todo o norte peninsular

“A posta en marcha do parque xera máis de 70 postos de traballo directos esta tempada e consolídase como un elemento tractor turístico ás portas da Ribeira Sacra”, manifestou Menor.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.