Nova área recreativa na sede do CRA “Mestra Clara Torres” nas Bornetas en Tui

Cun investimento de 88.000€ dentro do Plan Concellos 2019

Tui |  Nos próximos días iniciaranse as obras de acondicionamento da área recreativa na sede do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres, nas Bornetas. Os traballos, financiados con fondos do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, tiñan un prezo inicial de licitación de 107.105,11 euros e adxudicáronse nun procedemento en aberto á empresa Sodein Solucións Integrais por un importe de 87.271,55, cun prazo máximo de execución de 2 meses.

A obra abrangue unha superficie de 346 m2. Consistirá nunha serie de actuacións previas, como a retirada da marquesiña que se atopa na fachada, por atoparse en moi mal estado xerando un importante feísmo non só para a edificación senón tamén para o viario, retirada dun telladiño que se atopa no interior dese recinto, ao estar en mal estado e ser de amianto, acondicionamento de todo o muro exterior e renovación de todo o sistema de peche perimetral xunto co tratamento do todo o muro exterior.

Esta actuación segue a nova política de parques e xardíns que contempla o acondicionamento e recuperación de espazos de lecer ao aire libre para o goce de todos e cada un dos membros da unidade familiar. Así enténdense estes lugares coma inclusivos e integradores, que a maiores de ser un espazo para xogos deben incluír zonas de aprendizaxe e desenvolvemento en idades temperás, sen deixar atrás a posibilidade de gozar e realización de exercicio para os maiores nunha contorna adaptada, adecuado e agradable para o desempeño destas actividades.

Na sede do CRA nas Bornetas a área de xogos infantís estará composta por unha montaña, con zona de escalada por cordas, 15 puños de escalada, un trampolín circular, un tobogán para os máis pequenos, e un túnel. Tamén incluirá unha randeeira (columpio) de dobre asento: asento plano e asento tipo berce para bebes; balancín dobre: para ir sentado ou de pé; xogo de peirao tipo cesto e xogo de peirao para dous usuarios.

Outro dos elementos a colocar será unha torre dobre para nenos de 3 a 14 anos: integrada por dúas torres con acceso una por unha escaleira colgante e outra por un muro inclinado de escalada, comunicadas entre si por unha ponte de cordas e con saída por un tobogán. Unha das torres ten un xogo de 3 en raia.

As áreas de seguridade dos elementos serán de caucho continuo
Tamén se vai acondicionar unha area de biosaludables cun elemento de biosaludables de cintura para 3 usuarios, un elemento de esquí de fondo, un elemento biosaludable elevador para 2 usuarios e unha bicicleta estática.

O proxecto a executar contempla tamén a colocación de mobiliario coma unha mesa de picnic feita de material reciclado, unha mesa con 4 bancos con taboleiro para xogar ao parchís, aparcabicicletas, unha papeleira con capacidade para 240 litros, con 4 espazos para recollida selectiva e de orgánicos, e dous bancos.

Toda a superficie do recinto estará cuberta de céspede artificial
Cabe facer unha mención especial ao nomeamento no pasado ano 2020 ao CRA Mestra Clara Torres como a Mellor Escola de España, sendo un exemplo para todo o país de dinamización en contornas rurais a través da participación e implicación das familias e da comunidade que forma parte. Un centro creado hai máis de 20 anos coa fusión de 9 escolas unitarias repartidas en 9 parroquias de Tui, que por desgraza a data de hoxe víronse mermadas de forma considerable.

Neste sentido, e recollendo o espírito de integración, igualdade e solidariedade nas súas actividades xunto coa súa capacidade de transformación, o Concello de Tui como homenaxe a este labor educativo realizará un grafiti en todo o muro perimetral, recollendo todos estes aspectos que esta comunidade educativa ten abanderado durante estes anos.

Esta actuación foi encargada ao Grafitero do Val Miñor Gori, que conta entre outros traballos destacados co parque da Coelleira en Gondomar, o traballo na Asociación de Mariñeiros en Bouzas en Vigo, as pinturas da empresa Aqualia inspiradas no mundo mariño entre outros. O Concello de Tui xa conta cunha das súas obras no pavillón novo coa figura de Michael Jordan.

Outros artigos