
Ourense | Noa Presas defendeu que o sector agrogandeiro ourensán precisa dunha voz propia no Congreso para reclamar medidas que garantan a súa viabilidade económica e a continuidade das explotacións. “O 29N xogámonos o futuro do noso rural e o sector precisa dun BNG forte que defenda os seus intereses, poña enriba da mesa solucións e medidas que permitan que quen produza alimentos non teña que asumir as consecuencias das subas dos custos” sinalou.
A cabeza de lista do BNG estivo acompañada polos tamén candidatos Bernardo Varela e Mirian Opazo e o candidato á Alcaldía do BNG en Xinzo de Limia, Camilo Vila.
No curto prazo e como medida urxente, Presas defende a necesidade de aumentar as compensacións ante o encarecemento dos combustíbeis e fertilizantes. “A axuda actual por litro de combustíbel é escasa e o pagamento desta tarda moito en realizarse” explicou a cabeza de lista, mentres destacou que é preciso revisar as axudas para a compra de fertilizantes adaptándoas á realidade do agro galego e evitando que as explotacións de menor tamaño fiquen atrás.
“É preciso reforzar os controis para impedir que agricultores e gandeiros vendan por debaixo dos custos de produción” afirma Presas durante a vista. “Non podemos responder a unha suba continuada dos custos con axudas que non se axustan á realidade das explotacións. As compensacións deben responder ao gasto real e chegar a tempo” apunta.
O BNG tamén reclama intensificar o control sobre as compañías enerxéticas e distribuidoras para previr posíbeis abusos, establecer límites aos prezos do gasóleo e da gasolina e aprobar medidas extraordinarias que permitan compensar as perdas económicas provocadas polos elevados custos de produción.
Do punto de vista da cabeza de lista, o sector agrogandeiro ourensán precisa feitos: “prezos xustos e unha voz propia que defenda os seus intereses con firmeza en Madrid”. Noa Presas salienta que a defensa do sector agrogandeiro é unha cuestión estratéxica para Ourense, tanto polo peso da actividade produtiva como pola súa importancia para o emprego, a fixación de poboación e o mantemento dos servizos e da vida nas aldeas.
Por iso, a candidata nacionalista chama a apoiar o BNG para reforzar a representación galega no Congreso e ter maior capacidade para impulsar medidas concretas na defensa das explotacións, dos prezos xustos e dun rural con futuro.




