
Silleda | O Alcalde Luis Piña informou do éxito da participación do Concello na XII Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia (FESTUR 2026), celebrada do 4 ao 7 de xuño no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda. O Concello acudiu a este importante escaparate turístico para promocionar a 60ª edición da Feira do Xamón da Caniza, que se celebrará o vindeiro 15 de agosto, dando a coñecer a tradición, a historia e o atractivo dunha das citas gastronómicas máis emblemáticas de Galicia.
A presenza da Caniza neste certame volveu converterse nun éxito de participación, rexistrando unha notable resposta do público no stand municipal durante os catro días de celebración. Centos de persoas achegáronse ao espazo expositivo para coñecer máis de preto a Feira do Xamón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. FESTUR reuniu nesta edición un total de 66 festas de interese turístico das catro provincias galegas, a maior cifra desde a creación deste certame en 2014, consolidándose como o principal escaparate das celebracións festivas e culturais de Galicia.
Ao longo das distintas xornadas, o Concello deu a coñecer os principais atractivos da Feira do Xamón. As degustacións organizadas no stand obtiveron unha excelente acollida entre os visitantes, que destacaron a calidade e o sabor dun produto que converteu á Caniza nun referente gastronómico dentro e fóra de Galicia.
Ademais do típico bocadillo de xamón, a mostra completouse cos queixos «Castro Xaneiro», o mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez, os viños “Eido da Fonte”, “Abelán” e “Cavadas do Val”, así como os caracois preparados da marca “ComeCois” e as marmeladas artesanais “A Raposeira”, contribuíndo a poñer en valor a riqueza e diversidade da produción agroalimentaria local.
A participación neste evento permitiu tamén divulgar os recursos turísticos do municipio, a súa riqueza paisaxística, a rede de sendeiros homologados, o patrimonio cultural e a ampla oferta gastronómica local, encabezada polos coñecidos cocidos canicenses que se poden degustar durante todo o ano nos establecementos locais, reforzando a imaxe da Caniza como destino turístico en calquera época do ano.
Ademáis,o Alcalde agradeceu un ano máis a colaboración especial do recoñecido Pan de Cea, que desde hai anos acompaña as degustacións da Feira do Xamón da Caniza en FESTUR. “A Feira do Xamón forma parte da historia e da identidade da nosa vila. Participar en FESTUR permítenos dar a coñecer esta festa única e convidar a miles de persoas a descubrir a hospitalidade, a gastronomía e os atractivos turísticos da Caniza”, sinalou o Alcalde Luis Piña.




