Nigrán acolle performance sobre o programa “Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra

Coa actuación da artista Analía Beltrán

Pontevedra | Cunha impáctante performance co título de “Cadea”, a artista Analía Beltrán deixou esta tarde no IES Escolas Proval de Nigrán o seu berro en favor da igualdade e da loita contra as violencias machistas. Foi unha nova acción do programa da Deputación “Violencia Zero”, na que participaron as deputadas provinciais Victoria Alonso e Raquel Giráldez, o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, e a concelleira de igualdade, Patricia Diego, amais de 90 alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO do centro educativo, así como o profesorado, que interactuaron coa creadora e participaron activamente na acción.

No patio do IES Escolas Proval Analía Beltrán repartiu bolsas de papel que contiñan tarxetas cos nomes das mulleres asasinadas por violencia machista durante este 2021, unha cifra que ascende a día de hoxe a 5 mulleres. A artista inflou unha destas bolsas e estoupouna produciuno un estrondo similar ao producido polo disparo dunha arma. O público imitou a acción da artista e a zona de xogo converteuse nun combate que non debería librarse e no que as mulleres sempre saen perdendo. Beltrán visibilizou coa súa espectacular acción a dicotomía que teñen as mulleres entre as súas aspiracións e obrigas.

A artista representou primeiro as ambicións atando globos de helio ao seu cabelo, facendo deste xeito que se elevara cara o ceo, e como símbolo das obrigas e prexuízos cos que as mulleres se atopan na súa vida, atou ladrillos ao seu corpo facendo que este se vise amarrado á terra. Pouco a pouco Analía Beltrán foise desprendendo de todos os elementos que a acompañaron na súa performance amosándose tal e como é ao público.

A deputada de igualdade, Victoria Alonso, lembrou que as estatísticas só recollen números de asasinatos pero “as violencias machistas son moitas máis e a sociedade ten que entender que todas e todos somos iguales. A igualdade é a clave”. A deputada animou á rapazada a que “saiades de aquí pensando, falando entre vós con naturalidade para poñerlle freo á violencia contra as mulleres e involucrarnos na loita máis fermosa que é a da igualdade. Temos que implicarnos todas e todos porque senón nada poderá cambiar”.

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, puxo tamén o acento na responsabilidade “de toda a sociedade” para acabar coa lacra da violencia de xénero, e exhortou “á xente máis nova a poñerse ao fronte da loita pola igualdade“, agradecendo o compromiso da dirección do Instituto e á Deputación por levar esta acción a Escolas Proval coa que Nigrán pecha o seu calendario de accións do 8M.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 “Mulleres en Acción. Violencia Zero” contará con outras 17 actividades, entre as que haberá performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas, música e poesía.