Nico Montes será o candidato do PP de Tui de cara ás municipais 2023

Oficializou a súa candidatura baixo o lema "Recuperar a ilusión"

Tui/PPdeG | O Partido Popular de Tui xa ten candidato de cara as próximas eleccións municipais do 2023. Nicolás Lorenzo Montes, que xa foi concelleiro de Deportes, Conxunto Histórico e Medios de Comunicación entre o 2011 e 2015, deu un paso adiante para liderar ao partido co reto de devolver ao Partido Popular ao Goberno de Tui.

O anuncio fíxose este domingo dende o Parador de Tui, onde contou co apoio do delegado territorial da Xunta en Pontevedra e Presidente provincial, Luis López Diéguez, o da Secretaria Xeral, Luisa Piñeiro, o deputado provincial, Moisés Rodríguez Pérez e máis membros da xunta local do partido.

“O apoio é total e unánime en torno á candidatura de Nicolás. Ten experiencia en política, ten experiencia en xestión e está moi vencellado cos colectivos e coa ciudadanía de Tui. A unidade é o máis importante para recuperar a alcaldía de Tui”, declarou Luis López.

Pola súa parte, Nico Montes asume esta responsabilidade coa confianza e ilusión de acadar a victoria na súa cidade. “Son un amante de Tui, a miña cidade e o meu fogar. Aquí nacín, aquí crieime e aquí formeime. Doéme ver a cidade tan triste e apagada, por iso din este paso adiante para que os veciños de Tui recuperen a ilusión polo seu municipio”, expresaba Nicolás Montes durante a presentación.

Como xogador en activo de baloncesto e Presidente do Club Baloncesto Tui, destaca a importancia do equipo para acadar a victoria.

“No vestiario é onde se conseguen os resultados. Se o equipo está unido, a este partido non o para ninguén. O máis importante nestes momentos é o traballo e o apoio dos afiliados e militantes do PP de Tui, persoas que o dan todo dende o minuto un, un espello ao que temos que mirarnos todos”, manifestaba o candidato popular á alcaldía de Tui.