Negreira homenaxea ás súas 54 vítimas da represión franquista

Grazas á iniciativa da Asociación Cultural "Afonso Eanes"

Negreira | A través dun acto institucional aprobado en pleno por unanimidade, o Concello de Negreira fixo este 4 de xuño unha homenaxe ás 54 persoas desta localidade da Comarca da Barcala que foron represaliadas polo réxime franquista tralo golpe de Estado de xullo de 1936.

A iniciativa foi impulsada pola Asociación Cultural “Afonso Eanes”, que desde 2015 ven defendendo a necesidade de facer unha homenaxe a estas 54 persoas desta comarca barcalense. Desta listaxe, un total de 6 persoas foron executadas e asasinadas, sendo estas Amancio Caamaño Cimadevila (novembro de 1936), Fernando Domínguez Caamaño (decembro de 1936), Jesús Castiñeiras Redondo (maio de 1937) e Jesús Lens Patiño “Goriño”, Ramón Pose Suárez e Benjamín Troitiño Beiro, todos eles executados o 4 de xuño de 1937 en Boisaca (Santiago de Compostela).

Ademais da participación dos veciños nicrarienses, no acto tomaron a palabra o alcalde Manuel Ángel Leis Míguez (PSdeG), o representante do PP na Corporación Municipal, Rubén Suárez Carballo, e membros da Asociación “Afonso Eanes”, entre os que destacou a presidenta, Olalla Liñares, quen denunciou que estas persoas sufriron por defender “os valores democráticos”.

“Nesta homenaxe descubriuse unha placa conmemorativa ‘na memoria da veciñanza de Negreira vítima da violencia do golpe de Estado de 1936 e da ditadura franquista”

Nesta homenaxe descubriuse unha placa conmemorativa “na memoria da veciñanza de Negreira vítima da violencia do golpe de Estado de 1936 e da ditadura franquista”, que está localizada ao carón da Casa do Concello.