Nava Castro liderará a candidatura do PP en Ponteareas

Á espera de ser oficialmente confirmada

Ponteareas | A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, encamíñase a liderar a candidatura do Partido Popular de Ponteareas de cara aos comicios municipais do vindeiro 28 e maio, substituíndo así a Belén Villar.

Esta designación, tal e como se informa en diversos medios de comunicación e a falta de ser confirmada polas fontes oficiais do propio PP, poría fin a meses de incertezas sobre a candidatura dos “populares” ponteareáns. Con este nomeamento, o PP repite en Ponteareas a mesma fórmula de designar como candidato a un alto cargo público, similar á que acaba de realizar coa súa candidatura en Baiona nas mans de Jesús Vázquez Almuíña, ex alcalde baionés (2004-2015) e actualmente presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.

Filla do ex alcalde ponteareán José Castro, quen rexiu os destinos deste Concello entre 1969 e 2000, Nava Castro tomou o mando como alcaldesa de Ponteareas entre 2000 e 2003 precisamente substituíndo ao seu pai.

A súa traxectoria política e profesional da conta dunha prolífica folla de servizos: deputada autonómica e no Congreso dos Deputados, tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais e de Economía e Facenda, directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia. Como directora de Turismo de Galicia desde 2013 foi a responsable de organizar os actos do Xacobeo 21-22.