Nace “O Encontro de Sober”, foro económico organizado por Cesuga

Pretende ser o espazo galego de referencia no diálogo rural-industria

Sober | O novo foro que ten como obxectivo poñer o foco no potencial industrial do medio rural galego e xerar sinerxias que permitan impulsar o desenvolvemento e a competitividade da Galicia do interior presentouse nun acto celebrado no Concello de Sober no que participaron o alcalde do municipio, Luís Fernández Guitián, e o economista e empresario Venancio Salcines, presidente do Consello Reitor de CESUGA (Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia), institución académica que organiza o evento.

A primeira edición de “O encontro de Sober” celebrarase os vindeiros 9 e 10 de maio no Áurea Palacio de Sober coa participación de arredor de catrocentes asistentes e preto dun centenar de destacados relatores do mundo da empresa, o ámbito académico e o sector público, que participarán nun total de 17 mesas temáticas, de acceso gratuíto para o público. Entre outros temas, as ponencias e debates abordarán os principais retos do futuro agro-industrial galego en sectores específicos como o lácteo, cárnico, vitivinícola, tecnolóxico, financeiro ou os das enerxías renovables, a minería sostible, a industria forestal, o patrimonio natural, o emprendemento e a xestión do risco.

O alcalde salientou o “pulo” que supón un evento económico destas características para o concello e tamén para toda a Ribeira Sacra. “Nós aportamos o territorio. Isto é a Ribeira Sacra, unha comarca en alza. Eventos así axudan moito nun momento tan decisivo para a nosa candidatura a Patrimonio Mundial”, en referencia ao título da Unesco ao que opta no 2026 como Paisaxe da auga: Ribeira Sacra.

O presidente do Consello Reitor do CESUGA apuntou á elección de Sober como sede do novo foro: “Somos unha universidade da Coruña, pero somos galegos por encima de todo e queríamos facelo nun concello que representase á Galicia interior na súa totalidade e con capacidade loxística. Sober representa o lugar máis axeitado para liderar o diálogo rural-industria en Galicia”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.