“Na Caniza vivimos o xamón os 365 días do ano”

Presentación oficial da 60ª edición da súa Feira do Xamón a celebrarse o 15 de agosto

A Caniza | A Caniza acolleu hoxe a presentación oficial da 60ª Festa – Feira do Xamón, que se celebrará o 15 de agosto na Carballeira do Cacharado. Unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia, declarada de Interese Turístico pola Xunta e un dos principais escaparates da riqueza cultural, turística e gastronómica do municipio.

O acto estivo presidido polo Alcalde Luis Piña, acompañado dos concelleiros Paula Bacelar e Rubén Muiños. No acto estiveron presentes tamén o Alcalde de Crecente, Julio García-Luengo; o Alcalde do Carballiño, Paco Fumega; a Alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeiras; e o presidente da Câmara Municipal de Melgaço, José Albano Esteves, cuxa presenza reforza os históricos lazos de colaboración e irmandade entre ambos territorios fronteirizos. Un ano máis o delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, quixo estar presente e amosar o seu apoio a unha celebración que, despois de sesenta edicións, continúa consolidándose como un dos grandes referentes gastronómicos e turísticos de Galicia.

A presentación contou tamén coa participación do recoñecido mestre xamoneiro Víctor Burgos, responsable desde hai máis dunha década dalgunhas das actividades máis destacadas da programación da Feira do Xamón. Será o encargado de coordinar o Concurso de Cortadores de Xamón, que se celebrará o propio 15 de agosto, así como da elaboración do tradicional bocadillo de xamón, prevista para o 13 de agosto, e da Master Class de Corte de Xamón, programada para o 14 de agosto.

A Carballeira do Cacharado: epicentro da xornada gastronómica
A Carballeira do Cacharado volverá ser o gran punto de encontro da xornada gastronómica da feira, onde os asistentes poderán adquirir, por un prezo popular de 8 euros, unha ración de xamón en cinco elaboracións diferentes: xamón serrano de máxima calidade, xamón asado no seu propio zume acompañado da salsa típica da zona, tortilla de xamón, croquetas e empanada artesá elaborada nun forno tradicional familiar.

O ticket incluirá tamén un vaso de viño albariño das adegas locais Eido da Fonte e Abelán, ambas recoñecidas con numerosos premios e distincións pola calidade dos seus viños, ou auga e pan, ademais dunha pañoleta conmemorativa da 60ª edición e da participación no sorteo de dous xamóns.

Convite aberto a Galicia e ao norte de Portugal
Tras dar a benvida aos asistentes, Luis Piña agradeceu a presenza das autoridades e medios de comunicación que quixeron acompañar ao Concello na presentación da 60ª edición da Feira, destacando o respaldo que recibe cada ano unha celebración que xa forma parte da identidade gastronómica e cultural de Galicia.

A continuación tomou a palabra o Alcalde de Crecente, Julio García-Luengo, quen puxo en valor o prestixio alcanzado pola feira ao longo das súas seis décadas de historia. “Falar do xamón de A Caniza é dicilo todo. O 15 de agosto é unha data moi especial para toda a comarca e ten un significado moi importante para moitas xeracións de veciños e veciñas da Caniza e da súa área de influencia. O nome da Caniza está inevitablemente ligado ao seu produto máis emblemático”

O Alcalde do Carballiño, Paco Fumega, puxo en valor os estreitos vínculos que unen ambos municipios. “A Caniza forma parte da memoria de moitas xeracións de veciños do Carballiño. Nas viaxes cara a Vigo era unha parada obrigada, un lugar de encontro no que era case imposible non facer unha pausa para degustar o seu xa histórico bocadillo de xamón.” Fumega destacou tamén a capacidade de adaptación do municipio ante os cambios derivados da apertura da Autovía A-52”.

A Alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeiras, tomou a palabra en representación dos concellos da comarca do Condado e da Paradanta, poñendo en valor a riqueza do patrimonio inmaterial compartido e o papel que desempeñan as festas populares na súa conservación e promoción. “O Condado e A Paradanta somos unha comarca referente, cun extraordinario patrimonio cultural e cun calendario de festas gastronómicas que constitúe unha das nosas maiores fortalezas”.

Na súa intervención, o presidente da Câmara Municipal de Melgaço, José Albano Esteves, sinalou que “é unha satisfacción acompañar a A Caniza nesta edición especial e seguir fortalecendo a relación de amizade e colaboración entre dous municipios unidos pola fronteira natural do río Miño.” “Compartimos unha historia, unha cultura e uns produtos de enorme calidade que nos identifican a ambos os dous lados da fronteira. O xamón, o viño e a nosa gastronomía forman parte desa identidade común que debemos seguir promovendo conxuntamente.”

Pechou a quenda de intervencións o delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, quen lembrou que tivo a oportunidade de coñecer A Caniza da man do seu amigo e Alcalde Luis PIña e confesou que, desde o primeiro momento, compartiu con él a visión de futuro para o municipio. Na súa intervención destacou a transformación experimentada por A Caniza nos últimos anos e o papel que xogaron tanto os proxectos estratéxicos como os grandes eventos na proxección exterior do municipio.

“Hai uns anos A Caniza avanzaba a outro ritmo. Hoxe é un concello que mira ao futuro con ambición. As festas, e especialmente a Feira do Xamón, tamén forman parte dese proceso de transformación porque proxectan a imaxe de A Caniza e convértena nun punto de encontro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.”

O Delegado referiuse tamén á recente aprobación, por parte da Xunta de Galicia, do Plan de Interese Autonómico que permitirá continuar coa tramitación do Parque Empresarial do Vieiro, unha actuación que cualificou como “estratéxica” para o futuro do municipio. “A posta en marcha do Parque Empresarial do Vieiro suporá unha auténtica revolución para A Caniza. Crer no rural significa tamén dotalo das infraestruturas necesarias para crear emprego, atraer investimento e ofrecer oportunidades ás novas xeracións.”

O Alcalde Luis Piña foi o encargado de pechar o acto agradecendo o apoio que cada ano recibe unha festa que “é patrimonio de todos os cañicenses”.

Na súa intervención lembrou que o xamón non é só o protagonista dunha celebración anual, senón un sinal permanente de identidade do municipio.
“En A Caniza vivimos o xamón os 365 días do ano. Forma parte da nosa historia, da nosa economía, da nosa hostalaría e da nosa maneira de recibir a quen nos visita.

O rexedor tivo tamén palabras de recoñecemento para o mestre xamoneiro Víctor Burgos, a quen agradeceu o seu compromiso coa Feira do Xamón durante máis dunha década, coordinando o Concurso Nacional de Cortadores, a Master Class de Corte de Xamón e a elaboración do xa tradicional bocadillo xigante.
Luis Piña puxo ademais en valor o modelo de colaboración institucional que, ao seu xuízo, está a impulsar o desenvolvemento do municipio.

“A Caniza está a demostrar que existe outra forma de gobernar, baseada no respecto institucional, no diálogo e na colaboración entre administracións”

“A Caniza está a demostrar que existe outra forma de gobernar, baseada no respecto institucional, no diálogo e na colaboración entre administracións, por riba de calquera diferenza política. Cando todas as institucións reman na mesma dirección, os proxectos saen adiante e quen gaña é a cidadanía.”
Como exemplo desa cooperación, o Alcalde referiuse á recente aprobación do Plan de Interese Autonómico (PIA) do futuro Parque Empresarial do Vieiro, un paso decisivo para continuar coa súa tramitación, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, o Goberno de España, a través do Consorcio da Zona Franca de Vigo, e o Concello de A Caniza. Un proxecto que, segundo destacou, converterase nun motor de desenvolvemento económico e creación de emprego para A Caniza, a comarca e toda a área de influencia de Vigo.

Para rematar, Luis Piña convidou a toda a cidadanía galega e do norte de Portugal a participar na gran cita gastronómica do próximo 15 de agosto.

“Queremos que todo o mundo veña á Caniza a celebrar connosco esta 60ª edición.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.